InicioPolíticaAsí afecta aos lucenses a guerra que PPdeG e Martínez teñen co...

Así afecta aos lucenses a guerra que PPdeG e Martínez teñen co PSdeG por Suplusa

A tentativa do goberno socialista da Deputación por recuperar a xestión das residencias de maiores paralizou a actividade de Suplusa – O presidente do ente provincial actúa de contrapoder e acorda co Partido Popular case 100.000 euros en salarios adicionais

PUBLICADA O

- Advertisement -

A comezos de marzo, a xunta de goberno da Deputación de Lugo retirou á Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa) as condicións para abrir e xestionar as residencias de maiores e centros de día. O ente mercantil perdeu así unha competencia que ostentaba dende 2010, aínda que mantivo a encomenda para a construcción de novos centros. A decisión do executivo provincial amparouse no suposto incumprimento dos requerimentos das encomendas por parte de Suplusa, que tampouco estaría a executar os encargos da Deputación.

Malia que Suplusa é un organismo con personalidade xurídica propia, o seu capital social é público e, polo tanto, queda subordinado aos criterios estratéxicos da xunta de goberno e depende dos acordos do pleno da Deputación. Esta dobre condición levou a unha guerra de informes: mentres o secretario da máxima autoridade provincial favorecía a aprobación de convenios que permitían aos concellos realizar a apertura das residencias, o secretario da sociedade do solo indicaba que só o pleno podía modificar as competencias de Suplusa.

Deste xeito, no pleno da primeira semana de abril, os votos do presidente de Suplusa, Manuel Martínez, e do Partido Popular permitiron que o ente mantivera a xestión das residencias de maiores. Para entón, Martínez xa fora suspendido de militancia e apartado da vicepresidencia da Deputación, amais doutras atribucións administrativas. A priori, a única consecuencia da decisión do pleno sería que Suplusa podería manter unha liña de acción diferenciada da que solicitase o goberno provincial, con autonomía para acordar os convenios e concertos que rixen as residencias.

Moción para a liquidación de Suplusa

Xa en maio, o representante do Bloque Nacionalista Galego abandonou Suplusa por mor destes conflitos. O punto de inflexión marcouno a decisión do consello –que preside Martínez e consta de catro integrantes populares, tres socialistas e outro nacionalista– de crear unha nova masa salarial para o presidente e un novo asesor, por case 100.000 euros anuais. Esta situación de contrapoder e oposición plenaria levou ao Partido Socialista a presentar unha moción de urxencia para a liquidación de Suplusa, esgrimindo os mesmos motivos que levaran á retirada das encomendas.

Dado que só o pleno pode retirar os medios propios á Sociedade Urbanística, a perspectiva do goberno provincial semellaba pouco alentadora: con Manuel Martínez coma deputado non adscrito, os socialistas contan con dez deputados e os nacionalistas con dous, fronte aos doce do grupo popular. Xa na sesión plenaria, a expulsión do belixerante deputado díscolo permitía a aprobación da moción urxente, polo voto de calidade do presidente Darío Campos; mais os populares deixaron o salón de plenos antes da votación, de xeito que non houbo quorum.

Manuel Martínez, presidente de Suplusa, canda a sede do ente provincial | Europa Press

Así as cousas, dende o Partido Socialista alegan a existencia dun pacto entre o Partido Popular e Manuel Martínez, polo que garántese o mantemento de Suplusa co recargo de novos salarios antes inexistentes. Interpelado por esta cuestión, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avalou os soldos de 100.000 euros e o acordo que o seu partido ten con Martínez, xa que o voto do PPdeG é imprescindible no control de Suplusa, tanto no consello do ente coma no pleno da Deputación. De feito, o obxectivo dos populares semella utilizar a Martínez para desestabilizar aínda máis ao PSOE e á deputación.

De cara aos vindeiros días, é complicado que o executivo provincial poida recobrar a titularidade e forzar a apertura das residencias xa rematadas en Pol, Castroverde, Trabada, A Fonsagrada, Ribadeo, e Ribas de Sil. Os tres primeiros centros teñen xa permisos de apertura da Xunta, convenios de xestión con Suplusa e incluso concertos económicos para a contratación de persoal, circunstancia que os empregados observan con preocupación.  Amais destes proxectos e actividades vencelladas, Suplusa ten a encomenda da reconstrucción da Casona do Incio. Polo de agora, Martínez mantén a axenda de inauguracións mentres a Deputación pide a devolución de competencias de xestión. Todo indica que Suplusa manterá o apoio do pleno.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...