A Xunta lanza a restauración do conxunto de pallozas do Cebreiro

A licitación por 180.000 euros a conservación e mantemento das catro pallozas que forman o conxunto que xestiona o goberno galego no Cebreiro

Pallozas do Cebreiro | Xunta de Galicia
Pallozas do Cebreiro | Xunta de Galicia

O conxunto de pallozas baixo xestión da Xunta de Galicia no Cebreiro será revisado e restaurado a partir de xaneiro, coa previsión de que estea listo para o verán, na época de afluencia meirande. Así se desprende do contrato licitado pola Consellería de Cultura e turismo para a reparación e conservación preventiva destes bens patrimoniais no Concello de Pedrafita, por valor de 180.000 euros.

As pallozas afectadas por esta intervención son a Palloza Museo, a palloza do Quico e e as de Campelo e Galán. As principais intervencións consistirán na substitución do colmo de palla das cubertas, aproveitando os mollos que se atopen en boas condicións, e na reparación da estrutura de madeira da cuberta da que serve de centro museístico.

Por outra banda, serán substituídas ou se repararán as lousas nos accesos en canles perimetrais, ao tempo que se mellorarán as instalacións de electricidade e iluminación, e aplicaranse tratamentos para evitar os ataques de insectos xilófagos ás estruturas de madeira. As obras terán un prazo de execución de catro meses.

Necesidade de especialistas

As empresas interesadas en optar a este contrato teñen de prazo ata o día 7 de xaneiro para presentar as súas ofertas. Ao tratarse da restauración de bens protexidos polo seu valor cultural, deben coñecer a singularidade deste tipo de traballos que, como no caso da substitución do colmo de palla, requiren de especialistas, aplicación de técnicas tradicionais e mesmo de artesáns e restauradores con experiencia.

As catro pallozas do Cebreiro que forman o conxunto están baixo a xestión da Xunta de Galicia. No que vai de ano, entre xaneiro e novembro, visitaron a Palloza Museo preto de 15.000 persoas. Os máximos rexistros de visitantes danse entre os meses de maio e outubro. Maio foi precisamente o mes de maior afluencia desta anualidade, cando se contabilizaron 2.278 persoas.

O patrimonio cultural e histórico de Lugo central en cinco itinerarios

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here