InicioMedioambiente e PatrimonioSorpresa ao descubrir varias mámoas e petróglifos nun terreo agreste de Navia...

Sorpresa ao descubrir varias mámoas e petróglifos nun terreo agreste de Navia de Suarna

O colectivo Patrimonio dos Ancares localizou varios grupos de rochas gravadas e xa lle deu traslado deste achado á Xunta para que proceda á súa catalogación.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O colectivo Patrimonio dos Ancares localizou recentemente varias penas gravadas con petróglifos no concello lucense de Navia de Suarna, os primeiros da comarca situados nun terreo “tan agreste”. Tamén descubriron dúas mámoas na mesma zona, que xa foron postas en coñecemento da Xunta de Galicia para a súa posterior catalogación.

O achado produciuse o pasado 22 de febreiro, durante unha saída á zona limítrofe entre as parroquias de Moia, Muñís e Rao. Daquela, bateron con “catro grupos de coviñas gravadas”, cunhas medidas que oscilan entre os tres e os sete centímetros de diámetro. Estréase así o rexistro de petróglifos localizados na súa totalidade en Navia de Suarna. E é que anteriormente tíñanse atopado outros, pero nos límites entre Cervantes e o municipio naviego.

Segundo o presidente da asociación, Xabier Moure, é a primeira vez que nesa comarca aparecen petróglifos “nun sitio tan agreste como impresionante, onde nun terreo totalmente cuberto por lousa e cuarzo só medran xestas e carqueixas”.

DÚAS MÁMOAS

Mais, segundo asegura, a sorpresa foi maior ao encontraren no bico da zona unha pequena mámoa de 14 metros de diámetro e 1’5m de altura. “Ata o presente, as mámoas do concello de Navia de Suarna só se localizaban na parte noroeste do municipio, lindando co concello da Fonsagrada, pero estas atópanse na zona máis oriental, onde non tiñamos constancia de ningunha“, explica Xabier Moure.

“Constatamos que todos os petroglifos foron gravados en penas situadas arredor do enterramento  e, ademais, todas as gravuras están orientadas cara a posta do sol”, continúa o presidente de Patrimonio dos Ancares.

Durante esa mesma xornada, documentaron outra mámoa a uns seis quilómetros de distancia en liña recta, no Monte Valongo (entre Moia e Rao). Ten quince metros de diámetro e un de altura. Moure aprecia nela “un cráter de violación feito antigamente para buscar inexistentes tesouros”.

ÚLTIMAS

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Feridas varias nenas ao ceder unha randeeira nun parque do Club Fluvial

Varias nenas resultaron feridas o pasado fin de semana na cidade de Lugo ao...

Identificado un veciño de Lugo por danar un bolardo e quitar outro porque dificultaba o xiro para entrar na súa propiedade

Axentes da Policía Local de Lugo levantaron acta por danos na vía pública e...