InicioMedioambiente e PatrimonioAs Covas de Vale e a obriga de non repetir erros pasados

As Covas de Vale e a obriga de non repetir erros pasados

O conxunto de Baralla ten un precedente na veciña Eirós, tamén afectada pola cantería e a desidia das administracións autonómica e local

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Colectivo Patrimonio dos Ancares, en compañía da Asociación para a Defensa Ecolóxica (Adega), visitou recentemente as Covas de Vale (no límite entre Baralla e Láncara) para documentar e filmar un conxunto apenas estudado. As cavidades, ameazadas pola cantería, albergan valiosa información científica e especies únicas.

A última das catro expedicións realizadas polo Colectivo permitiu entender con detalle meirande as características das covas de Labradas e Choias. As dúas conviven coa canteira de Vilaesteva, xa abandonada, e outras tres en funcionamento. Outro proxecto de cantería ameaza estas grutas, catalogadas e protexidas polas normas subsidiarias de Baralla.

O concello está a tramitar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, e vén de aprobar a eliminación da protección de catro hectáreas no mesmo espazo das covas, reducindo así a faixa de seguridade ao mínimo estabelecido na lexislación estatal e galega para o patrimonio arqueolóxico sen plans específicos. Tralos escritos dos activistas, un dos expertos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural cartografiou o lugar durante tres días.

Paralelismos coa Cova de Eirós

Dende hai un ano e con cada visita, os espeleólogos foron descubrindo novos elementos de interese. Aínda así, recoñecen que levará tempo precisar o valor patrimonial das covas de Vale. Non son as únicas covas que están a visitar na Montaña lucense, co interese de preservar formacións pouco frecuentes en Galicia. O solo calcáreo ocupa aproximadamente o 0,1 por cento do territorio galego.

Esta rocha caliza procede de antigos corais, o fondo oceánico de hai millóns de anos. Os afloramentos desta clase conteñen formacións kársticas que son indicadores do clima na prehistoria, ademais de ser fogar de especies senlleiras. Aliás, o chan calcáreo serve para producir cemento de alta calidade que se exporta para estruturas de gran resistencia, polo que o interese económico é alto.

A ameaza sobre as Covas de Vale lembra ao caso da Cova de Eirós, en Triacastela. Coñecida como a Altamira galega, este xacemento do Courel contén restos paleontolóxicos de entre 30.000 e 50.000 anos de antigüidade, e conserva as primeiras evidencias de arte rupestre paleolítico do noroeste peninsular.

Ata a orde xudicial de 2014, sufriu as consecuencias da canteira anexa, explotada por Cementos Cosmos, filial da corporación brasileira Votorantim. Paradoxalmente, a empresa foi galardoada pola protección deste Ben de Interese Cultural, malia que cesou a actividade por mor dunha sentenza desfavorable. A canteira Don Isidro abastece de materias primas á planta cementeira de Oural.

Máis restos prehistóricos

O proxecto da nova cantería de Baralla está hogano paralizado. Logo da remisión de escritos por parte dos activistas, será Patrimonio a que terá que pronunciarse sobre os posibles restos prehistóricos e gravados, levantando os preceptivos informes. 

A cova do Monte das Labradas é a máis espectacular, máis vertical. Cun descenso de ata dez metros, contén abundantes estalagtitas e estalagmitas, así como valiosas coladas. A de Choias, menos profunda, ten buratos angostos nos que se atoparon fósiles e gravuras de figuras humanas esquemáticas.

Protección legal

As covas están especialmente protexidas na lexislación estatal e autonómica. Así consta na Lei 16/1985 de Patrimonio Histórico Español e na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia: “Son bens de interese cultural as covas, abrigos e lugares ao aire libre que conteñan manifestacións de arte rupestre”.

Por outra banda, estabelécese no artigo noveno da lei galega que “a declaración de ben de interese cultural requerirá previa incoación e tramitación do expediente administrativo pola Consellaría de Cultura, ben de oficio, ou a instancia de parte por calquera persoa física ou xurídica”. Incluso na circunstancia de que as covas en perigo careceran de recoñecemento, a Xunta de Galicia estaría obrigada a incoar un expediente e paralizar calquera intervención, extremo que incumpriu no caso de Eirós.

Así, os bens que integran o patrimonio arqueolóxico estarán protexidos por unha faixa de ancho, medido desde o elemento ou vestixio máis exterior do ben que se protexe, de 200 metros. Os bens desta clase poden contar con plans de protección especiais dependendo das características, entre outras, a cobertura natural que protexe a integridade das covas fronte o desgaste natural e posibles catástrofes.

Neste senso, a Cova de Eirós conta cun peche perimetral que impide o paso a persoas non autorizadas ao xacemento, cun macizo de protección integral da cova para garantir unha distancia mínima de 50 metros a calquera punto da cavidade. Estas medidas son consideradas insuficientes polos activistas do patrimonio.

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...

A muller de Lugo que denunciou á súa ex parella declara que tentaba forzala “todas as noites”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este xoves o xuízo contra un home de...