InicioMedioambiente e PatrimonioA cantería ameaza o rexistro histórico das Covas de Vale

A cantería ameaza o rexistro histórico das Covas de Vale

As Covas de Vale son un dos escasos conxuntos deste tipo en Galicia, fogar de especies únicas e un rexistro dos cambios climáticos do pasado

PUBLICADA O

- Advertisement -

O máis recente roteiro da asociación ecoloxista Adega contou de novo cun importante compoñente acerca da fauna ameazada na provincia. Desta vez, o ecosistema en perigo é un conxunto de excepción en Galicia, con valiosa información científica e especies únicas: as Covas de Vale, entre Láncara e Baralla. Xosé Manuel, o guía, estudou a zona en varias ocasións.

O tempo impediu desfrutar das vistas –en días despexados pódese observar Sarria na distancia– e tamén advertir as consecuencias da cantería no lugar.  Partindo do Colexio Luís Díaz Moreno de Baralla, onde visualizaron o interior das Covas de Vale, atravesaron o pobo homónimo e ascenderon ata o Monte da Serra, máis de trescentos metros de desnivel nun roteiro de case trece quilómetros por vellos camiños enlamados entre carballeiras e castiñeiras danadas polo temporal e a neve temperá.

Estiveron en compañía de Manuel Arzúa, membro de Morcegos de Galicia. O experto explicou que existen vinte e cinco especies deste animal en Galicia; o morcego pequeno de ferradura, no catálogo de especies ameazadas como vulnerable, habita nas Covas de Vale. O ecosistema no seu conxunto está ben conservado, con bosque autóctono, polo que podería agochar máis especies.

Os estudos son escasos na zona, de rocha calcárea, composición que explica a existencia dun dos raros grupos de covas en na provincia de Lugo e, por extensión, en Galicia. Alí conviven coa canteira abandonada de Vilaesteva –que quedou sen restaurar, sen poder albergar un novo hábitat ou novos usos agroforestais–, e tres canteiras en funcionamento.

Existe un proxecto para outra canteira, que precisamente ameaza as Covas de Vale. Hogano o asunto está paralizado: as covas están sobre chan antes protexido polas normas subsidiarias de Baralla, que carece de Plan Xeral de Ordenación Municipal, en fase de tramitación. A eliminación da protección nun espazo de catro hectáreas obtivo o prace do pleno de Baralla e do Consello da Xunta.

Un conxunto catalogado e apenas estudado

A complexidade da situación deriva dos informes preliminares de Patrimonio e Medio Ambiente, que non sinalaban estas covas catalogadas. Foron os activistas, entre eles o propio Xosé Manuel, quen escribiron á administración galega para reclamar a revisión. Un dos expertos do equipo de excavación da Cova Eirós cartografiou o lugar durante tres días, un prazo insuficiente para Adega.

Con anterioridade, a asociación ecoloxista enviara un grupo de espeleólogos para gravar e documentar o interior das Covas de Vale. Hai dúas cavidades principais, de tamaño moderado, con paredes verticais de ata cinco metros. Na primeira pódense atopar estalagmitas e estalagtitas, xunto con valiosas coladas. Na segunda destas formacións calcáreas especúlase coa existencia de restos de animais e homínidos prehistóricos, coma acontece en cavidades da contorna, e incluso manifestacións de arte rupestre; polo de agora atopáronse restos de úrsidos, cérvidos e cánidos en fase de fosilización.

A primeira das Covas de Vale entra na superficie aínda protexida, non así a segunda, e ámbalas poderían resultar afectadas polas operacións da mesma empresa que explota as tres canteiras activas en Baralla. Xosé Manuel explica que pouco queda por explotar tendo en conta as limitacións, nuns traballos que abranguerían de seis a quince anos, e que desfarían por completo o valor do conxunto.

As particularidades da rocha calcárea

O interese económico, neste caso, coincide co natural e científico. O solo calcáreo permite obter un cemento de alta calidade que se exporta para estruturas de gran resistencia. É escaso en Galicia, da orde do 0,1 por cento do territorio, con vetas particularmente abundantes no Courel e na zona de Mondoñedo.

A rocha caliza procede de antigos corais, o fondo oceánico de hai millóns de anos. Nas zonas de calcárea danse especies únicas, e nas Covas de Vale, ademais do morcego de ferradura, hai orquídeas en risco de extinción, e podería haber máis especies das que non hai rexistros aínda.

Estes afloramentos conteñen formacións kársticas que son indicadores do clima na prehistoria. Os expertos poden analizar a cantidade de dióxido de carbono almacenado para coñecer se pasaron por épocas máis frías ou máis cálidas, con información que poderían extrapolar para facer predicións.

Xosé Manuel compara este rexistro cun libro do pasado, porque cada zona contén datos climatolóxicos distintos; datos do territorio sen alterar e irrecuperábeis. “Sería coma destruír a Muralla de Lugo”, comenta o guía de Adega. A última palabra corresponde á Xunta de Galicia, que deberá delimitar o ámbito de protección.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...