A Deputación de Lugo organiza novas actividades divulgativas ao redor da Rerserva dos Ancares, Montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá dirixidas a todos os públicos e que inclúen talleres de cociña creativa e vimbia, contos, xogos e cursos de poda e de primeiros auxilios.
Nun comunicado remitido aos medios, a institución provincial explica que as xornadas, que arrincan este xoves, levaranse a cabo durante as últimas semanas dos meses de marzo e abril en distintos puntos dos concellos que conforman a reserva.
Así mesmo, explica que as inscricións se farán por orde de reserva ata cubrir os límites de capacidade permitidos en cada local e adaptaranse ás pautas que marquen as autoridades sanitarias en cada momento.
PROGRAMA
A primeira das actividades terá lugar o 29 de marzo en Becerreá, onde se fará un taller de cociña creativa con produtos da Montaña. A iniciativa diríxese a adultos e terá lugar no Centro Social de Becerreá de 16.00 a 20.00 horas.
Así mesmo, os días 29, 30 e 31 de marzo poranse en marcha talleres de vimbia co obxectivo de recuperar os oficios tradicionais, como a elaboración de produtos con este material. A actividade, orientada a nenos e nenas, tamén terá lugar no Centro Social de Becerreá en horario de 10.00 a 14.00 horas. O teléfono de inscricións para as actividades neste centro é o 982.360.704.
Pola súa banda, os días 18, 20 e 24 de marzo e o 24 de abril terá lugar un curso de poda e enxerto de árbores froiteiras para adultos na Escola de Barcia, en Navia de Suarna, entre as 10,00 e as 14,00 horas. O teléfono para apuntarse é o 982.365.166.
O 27 de marzo realizarase unha tarde de contacontos e xogos para toda a familia ao aire libre na Praza da Vila de Navia de Suarna, ás 17.00 horas. Neste caso as inscricións poderanse realizar no 659.991.400.
O 26 de marzo haberá un curso de primeiro auxilios para adultos no Edifico de Servizos Múltiples de Cervantes, en horario de 16.00 a 21.00 horas. O teléfono para apuntarse neste caso é o 982.364.904. Ese mesmo día haberá contacontos e xogos orientados a toda a familia no CPI de Cervantes ás 10.00 horas.
Os interesados en anotarse para participar nalgunha das actividades poderán facelo nas direccións www.deputacionlugo.gal, inscricions.deputacionlugo.org; e tamén a través do correo electrónico und.medioambiente@deputacion.org.