O PP avala a readmisión dos compañeiros de Palas absoltos polo Supremo

A presidenta dos populares lucenses, Elena Candia, dá o prace para o regreso á formación dos cargos do Concello de Palas exculpados de prevaricación e acoso

Elena Candia, presidenta do PP de Lugo | Óscar Bernárdez
Elena Candia, presidenta do PP de Lugo | Óscar Bernárdez (Arquivo)

A presidenta do Partido Popular na provincia de Lugo, Elena Candia, amósase favorable ao regreso do equipo de goberno de Palas trala sentenza absolutoria do Tribunal Supremo. Os procesados por acoso e prevaricación deixaran as filas da formación pola condena da Audiencia Provincial, revocada polo alto tribunal. A pena para o actual alcalde, Pablo Taboada, ascendía a nove anos de inhabilitación e quince meses de cadea.

Taboada “non pensa agora” nas municipais. Tampouco en volver ao partido, mais non descarta estas opcións. O fallo do alto tribunal, que eximiu asemade o seu predecesor e outros sete cargos públicos, permítelle “polo menos respirar tranquilo”. Cualificou a sentenza de “demoledora” e asegurou que aclara que “non houbo acoso, senón unha tensa relación” coa denunciante, a entón secretaria municipal.

A líder dos conservadores en Lugo comentou que “se alegra” pola sentenza do Supremo, “e máis se se trata de compañeiros aos que apreciamos e aos que lles desexamos o mellor”. Candia contactou telefonicamente con Taboada “para compartir o que sei que foron momentos moi duros”.

Na conversación comentaron o fallo do Supremo, deixando para outra ocasión un eventual retorno. “Logo de moitos anos dun proceso xudicial creo que, neste momento, é o que procede”, afirmou Candia. “Tempo haberá de falar doutras cousas”, en referencia á readmisión de Pablo Taboada, o seu antecesor, Fernando Pensado, e os tres concelleiros absoltos. Así e todo, a presidenta do Partido Popular en Lugo confirmou que as portas están abertas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here