“Do rural vivimos todos“. Por iso, cando o rural sofre, as consecuencias son palpables no agro e mais na cidade. Conscientes disto, o colectivo Agromuralla convocou unha manifestación para o vindeiro martes 17 de marzo co obxectivo de xuntar as voces rurais e urbanas na reivindicación duns prezos xustos que garantan a dignidade dos produtores e produtoras. “É un problema de país”, asegurou esta mañá o presidente da asociación, Roberto López.
Nunha rolda de prensa, o presidente de Agromuralla detallou os motivos que os empurran a convocar tal mobilización polas rúas de Lugo. “En solidariedade cos agricultores e gandeiros que se manifestaron en distintos puntos de España, esiximos prezos xustos que nos permitan vivir do noso traballo”. Esta xa era unha das principais demandas durante as tractoradas do 2015, momento no que xurdiu Agromuralla. “Pouco se avanzou neste tempo”, lamentou Roberto López, que estivo acompañado por Andrés Fernández, Miguel Bruzos e José Manuel Souto, membros da directiva.
“MESMOS PREZOS CA HAI TRINTA ANOS”
Os gandeiros galegos producen o 40% do leite de España, pero son os que menos cobran, segundo o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). Os datos amosan que o prezo medio se situou nos 32’6 céntimos/litro durante o mes de xaneiro, moi por baixo da media europea, pero tamén con diferenzas notables respecto da veciña Asturias. Alí, en xaneiro, cobrouse unha media de 35’6 céntimos por litro. “Os gandeiros galegos estamos deixando de percibir uns 100 millóns de euros ao ano”.
“Cobramos o leite ao mesmo prezo ca hai trinta anos”, aseguraba Roberto López, “pero os custos de produción disparáronse” e as “trabas” seguen aparecendo. Refírese ao aumento da cotización á Seguridade Social, do IBI ou restricións no uso dos xurros. “Unha granxa pode pagar 600 euros ao mes de luz e un tractor que traballe todo o día pode gastar 100 euros en gasóleo”, exemplicou.
ANTES DA CAMPAÑA ELECTORAL
O presidente de Agromuralla explicou que decidiron convocar a mobilización para o vindeiro martes 17 de marzo para que non entre de cheo na campaña electoral das autonómicas do 5 de abril. “Non queremos enturbiar a campaña nin que se vexa como un ataque cara a ela. A manifestación non vai contra ninguén, porque este é un problema de país que está por riba das siglas políticas”, aclarou López.
Así e todo, si que lles gustaría que todos os partidos políticos se comprometesen activamente cos problemas do rural e que este fora un eixo chave das súas propostas electorais. “Que se acorden de nós!”, pediron. “Todas as administracións (local, autonómica, estatal e europea) teñen na súa man facer cousas para cambiar”.
As súas peticións tamén se centran en reivindicar unha modificación da PAC; medidas para favorecer o relevo xeracional; accións para controlar a fauna salvaxe; ampliación dos servizos públicos e accesibilidade á rede; a defensa dos produtos locais ou o reforzo do cadro de persoal das Oficinas Agrarias Comarcais.
BUSCAN A COLABORACIÓN DOS COMERCIOS
A manifestación sairá o vindeiro martes 17 ás 12:00 horas do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia. Os participantes dirixiranse a pé pola Rolda da Muralla ata a Subdelegación do Goberno, onde está previsto que remate a marcha.
Agromuralla fai un chamamento á participación de todo a sociedade, ben sexan agricultores e gandeiros ou ben vivan na cidade. De feito, buscan a colaboración do sector comercial de Lugo, ao que lle pedirán que visibilice a protesta con carteis pendurados nos seus escaparates ou mesmo que realicen un peche simbólico durante unha hora.