O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolle este luns 18 de xullo, ás 11,00 horas, a vista polo recurso contra a sentenza da Audiencia Provincial de Lugo que condenou, de acordo ao veredicto do tribunal do xurado, a prisión permanente revisable a Ana Sandamil polo asasinato da súa filla Desirée Leal de sete anos en maio de 2019.
Segundo trasladou o TSXG, a condenada participará na vista, que se celebrará na Sala do Civil e Penal, por videoconferencia. Está previsto que na vista se revisen e examinen os argumentos que no seu día se motivaron por parte da Audiencia Provincial de Lugo para esta condena máxima despois de que un xurado popular declarase culpable da morte da pequena en maio de 2019 a Ana Sandamil.
A ACUSACIÓN ESPERA QUE SE MANTEÑA A CONDENA
O avogado da acusación popular que exerce a Fundación Amigos de Galicia, Francisco José Lago, avanzou que manterán “o mesmo, de oposición ao recurso de apelación que formulou a defensa”. “Nós xa nos opuxemos ao recurso”, lembrou.
Así mesmo, para Lago Calvo a sentenza emitida pola Audiencia de Lugo “está perfectamente axustada a dereito, que é como debe de ser”, afirmou. “Nós manteremos as nosas posicións e discutiremos as alegacións da defensa”, abundou.
O avogado interpreta que a defensa de Sandamil “discutirá a afectación sicolóxica, a situación síquica que tiña a autora, Ana Sandamil Novo”. Esta mesma semana, o pai da menor asasinada, José Manuel Leal, asegurou que espera que “se siga mantendo a condena imposta de prisión permanente revisable”.
“Non vexo ningunha circunstancia para que se modifique a condena. A sentenza é clara, de feito o xurado a maioría menos un, votaron a favor desa condena. O que pasa é que un sempre está con esa incerteza e ata que pase o proceso non estarei tranquilo. Oxalá siga todo igual”, desexou.
O xuízo polo asasinato de Desirée celebrouse nas primeiras semanas de febreiro deste ano, onde se constataba que a pequena morrera por asfixia o mesmo día que a tiña que recoller o seu pai dentro do réxime de visitas establecido con Sandamil.