A Policía Local de Lugo sancionou con 900 euros de multa ao condutor dun vehículo que se puxo a ouriñar fronte á fachada dun edificio mentres se realizaban os trámites dunha proba de alcoholemia.
Segundo informou a Policía Local, tramitou acta de denuncia por infracción á Lei de Residuos de Galicia contra o condutor dun vehículo que, cando realizaba os trámites dunha proba de alcoholemia, púxose a ouriñar fronte á fachada dun inmoble de Carril dos Loureiros.
Por outra banda, indicaron as mesmas fontes policiais, este pasado fin de semana a Policía Local realizou tres actas de denuncia por infracción á Lei de Residuos de Galicia a tres novos que ouriñaban na vía pública. Un deles, detallaron as mesmas fontes, ouriñou contra a fachada da Catedral de Lugo e dous na rúa Clérigos, polo que todos eles foron propostos para sanción de 900 euros.