A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, presentaron hoxe, xunto a Roberto Cabezas, director de Persoas e Comunicación do Grupo Entrepinares, e Isabel Álvarez, directora do complexo industrial de Entrepinares en Vilalba, a programación dos días infantís das festas de San Ramón e Santa María, que se celebrarán os días 2 e 3 de setembro na Praza da Constitución. A presentación serviu tamén para confirmar a renovación, por terceiro ano consecutivo, do acordo de colaboración entre o Concello de Vilalba e o Grupo Entrepinares.
A empresa vallisoletana con sede en Vilalba volverá asumir o patrocinio dos días infantís das festas patronais e colaborará, ademais, coas actividades do Samaín e con diferentes propostas da programación municipal de Nadal, consolidando unha alianza que permite seguir ampliando a oferta de lecer destinada á infancia e ás familias.
A programación arrancará o mércores 2 de setembro, con actividades gratuítas entre as 12:00 e as 14:00 horas e as 16:00 e as 20:00 horas. Durante a primeira xornada haberá inchables para todas as idades, Rokomonte, Shotter Gallery, un toro mecánico/simulador de surf e catro funcións do espectáculo “O Mago Antón: 50 anos de maxia”, previstas para as 13:00, 17:00, 18:30 e 20:00 horas.
O xoves 3 de setembro será a quenda do Parque Acuático Tropical, os inchables acuático-terrestres Tripletobogán, Rampa Aqua Red Wave e Mundo Marino, ademais da tradicional Festa da Escuma, condicionada ás condicións meteorolóxicas. Todas as actividades desenvolveranse tamén entre as 12:00 e as 14:00 horas e as 16:00 e as 20:00 horas, na Praza da Constitución. Como complemento á programación, o Grupo Entrepinares ofrecerá durante ambas xornadas unha merenda gratuíta para todos os nenos e nenas asistentes, consistente en snacks de queixo.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “é unha satisfacción volver presentar esta programación da man dun socio que leva tres anos demostrando o seu compromiso con Vilalba. Esta colaboración permítenos seguir ofrecendo actividades gratuítas e de gran calidade para as familias, reforzando unha programación infantil que xa é unha referencia durante as nosas festas e que se estende tamén a outras épocas do ano como o Samaín e o Nadal.”
Pola súa banda, a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, sinalou que “queremos que os nenos e nenas vivan as festas con propostas pensadas especialmente para eles. Deseñamos dúas xornadas moi completas, con actividades variadas para diferentes idades e cun espectáculo tan especial como o do Mago Antón, para que as familias poidan desfrutar xuntas destes días tan importantes para Vilalba.”
Desde o Concello de Vilalba destacan que este acordo consolida un modelo de colaboración co tecido empresarial que permite reforzar a programación municipal e seguir promovendo iniciativas gratuítas dirixidas á infancia e ás familias.
