InicioEconomíaMuras rehabilitará a ponte orixinal de Bermuz coa achega da Deputación

Muras rehabilitará a ponte orixinal de Bermuz coa achega da Deputación

A imposibilidade de conectar a ponte sobre o Eume construída nos noventa levará finalmente a rehabilitar outra infraestrutura, máis vella, en Bermuz

PUBLICADA O

- Advertisement -

RAMÓN GONZÁLEZ REY | Tres décadas despois da construción da Ponte Bermuz, a solución para que os veciños podan cruzar o río Eume no lugar da Balsa, que une os municipios de Muras e Vilalba, pasará pola rehabilitación da ponte vella que hai no mesmo lugar. Unha actuación que custará 70.000 euros, cofinanciados polo goberno local murense -que achegará 20.000 euros- e pola Deputación de Lugo -que custeará outros 50.000-.

O alcalde de Muras, o nacionalista Manuel Requeijo, admite que se trata dunha “solución cara” para “un problema complexo”, que padecían sobre todo os gandeiros da zona, que “tiñan que dar unha volta de dous quilómetros para cruzar o río”.

DESPILFARRO

A construción da Ponte Bermuz, a principios dos anos 90, é considerada un exemplo de despilfarro de cartos públicos. Durante tres décadas, os veciños de Muras e Vilalba demandaron sen éxito que se rematasen os accesos á base de formigón construída sobre o río. As dificultades? Necesidade de facer expedientes de expropiacións e de delimitar un camiño novo, porque a nova ponte foi levantada lonxe do itinerario orixinal.

Mentres tanto, os veciños tiveron que utilizar un itinerario alternativo ou pasar pola ponte vella de Bermuz, perigosa polo seu deficiente estado de conservación, coa constante caída de pedras.

Nos últimos anos houbo conversas a tres bandas entre os alcaldes de Muras e Vilalba e o executivo provincial. Finalmente, a Deputación custeará algo máis do 70 % do orzamento da rehabilitación da infraestrutura máis antiga, e o Concello murense o diñeiro restante.

O alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, negouse desde o principio a que o goberno local vilalbés achegase ningún diñeiro, ao entender que as obras que afectan a municipios limítrofes deben ser financiadas polo Goberno provincial.

Coa achega da Deputación e do Concello de Muras, a ponte vella de Bermuz será de novo a que preste servizo ás explotacións gandeiras. “Entendo que é un gran investimento, pero se falamos de dar facilidades á xente para que viva nas aldeas non podemos escatimar nisto”, expón Requeijo. O vicepresidente do Executivo provincial e deputado de vías e obras, Argelio Fernández, insistiu na mesma idea. “O futuro da nosa provincia pasa polo impulso do noso rural”, concluíu.

Falta saber que ocorrerá coa pasarela de formigón construída nos anos 90. “O único que tería sentido é que Augas de Galicia a tire, pero estariamos a falar de investir outros 30.000 ou 40.000 euros, só por tirala”, apunta Requeijo.

OUTROS INVESTIMENTOS

A Deputación anunciou ademais o investimento de 5.000 euros para a restauración de varias fontes de auga en Navia de Suarna; 25.500 euros en Ribas de Sil para colaborar na a renovación do parque infantil da área recreativa da praia fluvial; 8.500 euros de remanentes do Plan Único, procedentes das baixas de contratación, para executar dotar de alumeado público aos veciños de Toxeira, en Guitiriz; e 118.000 euros para mellorar tres quilómetros de dúas vías en Pol, a LU-P-1611 e a LU-P-4601.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...