Os Concellos da Serra do Xistral –Abadín, Alfoz, Cervo, Muras, Ourol, O Valadouro, Viveiro, Xermade e Xove– presentaron alegacións en común ao proxecto de orde ministerial polo que o Goberno do Estado quere incluír todas as poboacións de lobo de España no listado de especies silvestres en rexime de protección especial.
As alcaldías destes nove municipios -de distintas cores políticas, dado que hai rexedores do PSdeG, PP e BNG– consideran que a publicación dunha “norma xenérica” para regular a situación do lobo en todo o territorio estatal “non é efectiva nin xusta nin apropiada“, dado que as zonas ou hábitats onde o lobo coexiste con outras especies e coa poboación humana “non son uniformes“, polo que se fai preciso, afirman, “contar con estudos pormenorizados que reflictan a realidade existente e determinen as accións necesarias en cada caso específico”.
APÓIANSE “NO AUMENTO DAS DENUNCIAS” PARA FALAR DUN “DESEQUILIBRIO” NA CONVIVENCIA CO CÁNIDO
A Serra do Xistral é así, precisan, “un ente natural único“, no que “hai localizadas o 90% das turbeiras de toda Europa“. Unha paisaxe que “depende en gran medida da gandería extensiva, en especial do gando equino“, lembran. Polo tanto, indican, dáse unha coexistencia entre o cabalo e o lobo “que se produce en contados lugares do planeta (ademais de en Galicia, no norte de Portugal ou en Mongolia)”. Unha situación que derivou nos últimos anos nun “desequilibrio” que é “un feito contrastado“, argumentan, apoiándose nos avisos de ataques: “pasamos de 237 en 2013 a case 1.000 no 2020, sen contar os non denunciados por diversas razóns”. Deste xeito, xulgan, “abócase á actividade gandeira ao abandono ante o risco de ataques aos animais, fundamentais para a conservación da contorna“.
ALERTAN DO “RISCO DE INCENDIOS” PARA AS TURBEIRAS
Os rexedores consideran que a “excesiva presión” do lobo sobre a gandería “intensifica a renuncia á mesma, poñendo en serio perigo o ecosistema”, pois o cabalo é “un auténtico limpador ecolóxico, practicando un desbroce natural“, o que “sitúa en risco serio de incendio o noso territorio pola invasión de especies inflamables, que poden ser fatais para as turbeiras”, alegan.
Así, o “declive acelerado” desta “peculiar forma de criar gando equino e vacuno” ameaza “este patrimonio natural, económico e cultural-identitario”, un fenómeno “común” noutros lugares “froito do esquecemento das Administracións estatais e autonómicas”, conleva “o abandono do mundo rural e o despoboamento“, razoan.
“O manexo ancestral que fixeron os poboadores desta serra caracterizouse pola tradición de manter unha gandería extensiva en estado salvaxe ou semi-salvaxe, conformada por mandas de cabalos e rebaños de vacas, que pastan en liberdade preservando a peculiar vexetación deste hábitat. Os seus curros e as súas rapas son unha das maiores manifestacións culturais e etnográficas da nosa comarca”, sosteñen.
RECLAMAN “DIÁLOGO” COS AXENTES IMPLICADOS
Deste xeito, os Concellos alegan ao documento solicitando “un aprazamento da toma de decisións” relativas ao lobo ibérico e a “apertura do diálogo cos sectores afectados: Administracións autonómicas, Concellos e gandeiros”.
En segundo lugar, solicitan que se recoñeza a actividade gandeira de cría de cabalos e gando vacún en liberdade no Xistral “como unha actividade económica e patrimonial cultural a protexer, así como dos servizos e beneficios que supoñen para o medio ambiente e o modo de vida no interior da provincia de Lugo. Deste xeito, piden utilizar “todos aqueles instrumentos normativos” e tamén a “dotación de recursos” para favorecer “a viabilidade” deste sector.
En terceiro lugar, os rexedores do Xistral queren que se considere a serra “como un enclave natural prioritario” á hora de mobilizar investimentos para “facer viable” este tipo de gandería “e a súa coexistencia co lobo”.
Ademais, requiren ao Goberno central “que implemente todos os mecanismos necesarios” con todos os axentes implicados para “a posta en marcha de estudos técnicos que determinen as pautas a seguir nos vindeiros anos para alcanzar o obxectivo real do reequilibrio natural dos ecosistemas, posto que entendemos que o lobo é só un habitante máis da súa contorna; non é o único problema, nin tampouco a solución”, conclúen.
Finalmente, piden que a Serra do Xistral, “pola súa peculiar e importante trascendencia medioambiental, sexa contemplada zona prioritaria á hora de emprender os estudos necesarios para a súa total ordenación, conservación e reequilibrio ecolóxico”.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.