InicioCultura“Alfonso Blanco provocou unha revolución en Guitiriz”

“Alfonso Blanco provocou unha revolución en Guitiriz”

Co gallo das múltiples homenaxes a Alfonso Blanco, o divulgador Xulio Xiz relata a imparable vontade e a influencia cultural do Fillo Adoptivo de Guitiriz

PUBLICADA O

- Advertisement -

É un mes intenso para Alfonso Blanco, o crego reivindicativo e gran promotor cultural de Guitiriz. Este sábado correspondeulle o XIII Hectómetro Literario, efixie obra de Valdi e inaugurada en compañía de Mero Iglesias (da Irmandade Manuel María), Roberto Santamariña (Xermolos), David Otero ou Rubén Aramburu, entre outros. O vindeiro 23 de febreiro, recibirá outra homenaxe  na terra adoptiva coincidindo co Certame Vilariñas. Xulio Xiz, gran divulgador da cultura chairega, reconstrúe o trascendental percorrido do nomeado Fillo Adoptivo de Guitiriz.

Xulio prefire falar de San Alfonso de Guitiriz. “Hai santos laicos coma Alfonso, que adicou toda a súa vida aos demais, no aspecto cultural e social”. Trátase dun personaxe “tan poliédrico que é imposible dar unha visión xusta del”. Malia vasto o herdo de Alfonso Blanco,  o xornalista vilalbés é quen de trazar unha biografía viva daquel párroco que chega a Guitiriz a mediados dos setenta, e que “deseguido comezou a facer cousas diferentes”.

“Non era un cura tradicional”, insiste Xiz. “Os curas tradicionais adicábanse aos labores propios da súa vocación e atender espriritualmente aos feligreses”. Mais Alfonso Blanco, un cura novo vido de Ponteceso, “terra cultural por natureza”, trascendeu as funcións habituais e tiña unha visión distinta do seu labor. “Foi e segue sendo un revolucionario cultural”.

Un crego progresista

XIII Hectómetro Literario do Paseo dos Soños de Vilalba, adicado a Alfonso Blanco | Xosé Val Díaz
XIII Hectómetro Literario do Paseo dos Soños de Vilalba, adicado a Alfonso Blanco | Xosé Val Díaz

Comezara estudos en Santiago de Compostela, mais foi obrigado a completalos en Salamanca. “E non o botaron por mal estudante, senón por aplicarse de forma decisiva naqueles momentos prerrevolucionarios, por ser demasiado progresista”. Xiz entende que este espírito foi o que o apartou de oficiar na capitalidade de Guitiriz, relegado sempre a pequenas parroquias “onde non estorbase demasiado, pero claro, fixo a revolución pola súa conta”.

Alfonso Blanco oficiou dende o principio sendo consciente do papel que exercía na comunidade, e con proceder reivindicativo. El transportaba e vixiaba á rapazada nas festas, e traballaba por “redimir aos cautivos da droga”. Asemade confiou a produción cultural á xente nova, fundando a Asociación Xermolos, construíndo devagariño o fondo da biblioteca municipal, convocando concursos de poesía en toda a comarca, organizando a cabalgata de Reis e o Entroido. Tamén situou a Guitiriz no panorama musical da mocidade co festival de Pardiñas, “incluído en todo santoral que se precie, e un dos máis prestixiosos de Galicia”. 

“Sempre que fixo falta –rememora Xiz– púxose á fronte de todo Guitiriz”. Así aconteceu co episodio do Cason, en decembro de 1987, cando os barrís de substancias altamente contaminantes atravesaban a terra de Parga para seren embarbados en San Cibrao. As grandes causas dos setenta e os oitenta tiveron a Alfonso Blanco de aliado, cando “a muller precisaba revolucionarse, cando os rapaces cambiaban a un mundo diferente, Alfonso foi o pregoeiro”. “Estivo aí para todo, para organizar conferencias, publicar libros, programas de radio e xornais, para todo cunha entrega total”.

Da vontade de Alfonso Blanco fala a impresión que causou a Miguel Anxo Araújo Iglesias, o bispo progresista de Mondoñedo na época. Monseñor Araújo precisaba de alguén que puidera traballar en sintonía con el, “e o crego Espiña mandoulle a Alfonso”. Foi tal o impacto, que “cando Alfonso xa non podía seguir desempeñando esas funcións, o bispo non pediu outro cura, pediulle que lle mandara outro Alfonso”.

Legatario de Díaz Castro

Foi sempre industrioso e xeroso. Os ingresos polas clases de Relixión no instituto adicounos a Xermolos, sostida por este financiamento. “Cando organiza o Chairegos de Honra, os Congresos da Terra Chá ou o Hectómetro Literario, todo iso vai a cargo do peculio de Alfonso, que eu estou seguro de que non ten un só euro”, afirma Xiz. “Pero como cantaba Roberto Carlos, ten un millón de amigos”.

Un deses amigos, e máis ca amigo, era Xosé María Díaz Castro. O legado desta figura indiscutible da poesía chairega, embaixador para sempre da identidade litararia de Guitiriz, quedou en mans de Alfonso Blanco, o seu gran valedor.  Sen el é posible que nunca acadase a distinción no Día das Letras, que recibiu en 2014. “Era un momento en que en Galicia ninguén coñecía a Díaz Castro”.

O presidente da Deputación, Darío Campos, a alcaldesa, Regina Polín, e Alfonso Blanco, presidente de Xermolos, na casa natal de Díaz Castro | Deputación de Lugo
O presidente da Deputación, Darío Campos, a alcaldesa, Regina Polín, e Alfonso Blanco, presidente de Xermolos, na casa natal de Díaz Castro | Deputación de Lugo

Tanto é así, que Xiz pensou que este literato fora esquecido despois de morto, cando en realidade se contaba entre os vivos. Era 1973, momento en que comeza a amizade entre Alfonso Blanco e Díaz Castro. Foi o crego quen fixo que “Guitiriz se reconciliara con un total descoñecido na súa terra”. Aquel encontro marcaría o futuro da vila, á que o poeta volveu para vivir o derradeiro capítulo vital. “E dende entón, foi o centro de actuación de Xermolos cara o exterior”.

Foi o irmán de Xosé María, o tamén literato Serafín, quen deixou en testamento a Xermolos a casa natal dos Díaz Castro, en vías de reconstrución como centro cultural. Nel terán cabida todos os escritores da Terra Chá e das terras veciñas, os mesmos que, coma é o caso de Manuel María, deben a Alfonso Blanco a valorización dos seus traballos.

Impacto nas novas xeracións

A gran escola poética de Guitiriz estaba encabezada por Díaz Castro, en compañía de Manuel María e o resto de poetas que medraran ao abeiro do Seminario de Mondoñedo. Despois, Alfonso Blanco creou “o caldo de cultivo” de literatura e galeguismo do que xurdiu a nova escola, con voces publicadas en Xermolos, que derivaron en Nova Poesía Guitirica. Cómpre entender así mesmo a importancia que tivo o rescate de Díaz Castro, embrión do rexurdir manifestado na propia NPG, Lareira de Soños e CulturaliaGZ.

Alfonso Blanco canda a Mero e David Otero | Comarca de Mondoñedo Unida

A enorme achega de Alfonso Blanco, vital na memoria, na promoción cultural e na inspiración de novas xeracións, mereceu varios recoñecementos por parte da veciñanza. Nunha multitudinaria comida, o pobo declarouno Veciño Necesario. “Xa fai falla para que a un cura o nombren veciño necesario dun sitio, máis para un home que veu de fóra, que nunca foi párroco de Guitiriz”.

O colofón, por suposto, foi o nomeamento de Fillo Adoptivo, oficial en novembro do ano pasado. A proposta da alcaldesa Regina Polín foi aceptada por unanimidade na cámara municipal, “sen ningún voto discordante, porque Alfonso dispara en todas as direccións, e calquera persoa que teña a mínima devoción pola súa terra e a súa cultura, está de acordo co seu traballo”.

ÚLTIMAS

Convocarán un concurso de ideas para desenvolver a contorna do Pazo de Dona Urraca

A Xunta continúa dando pasos para "seguir reactivando" o barrio da Tinería, no centro...

Detidas tres persoas dun clan familiar dedicado a venda de cocaína en Lugo

A Policía Nacional detivo a dous homes e a unha muller vinculadas a un clan familiar que se...

Reunión entre Rueda e Tomé para fixar un grupo de traballo sobre transferencia de diferentes estradas

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o líder da Deputación Provincial...