Patrimonio deu luz verde á rehabilitación da Casa da Botica de Guitiriz, un emblemático edificio en estado ruinoso. A obra de reforma e ampliación permitirá un dobre cometido de conservación e transformación en residencia de persoas da terceira idade. A Deputación aprobara en xunta de goberno o novo proxecto e o inicio da contratación das obras por 1,6 millóns de euros.
O visto e prace do Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Lugo autoriza os traballos a desenvolver segundo o proxecto de execución presentado, con dous condicionantes: a cuberta da Casa da Botica rematarase con lousa irregular do país e as chemineas remataranse do mesmo xeito que as fachadas do edificio.
Esta é a solución acordada no Pleno Extraordinario, cun incremento de 400.000 euros no orzamento, e a oposición do Partido Popular. A Deputación achega á rehabilitación 1,4 millóns de euros, por 200.000 euros do Concello de Guitiriz. Esta cantidade asumida polo consistorio sairá dos remantentes posibles polo aforro de custes.
A plataforma Falemos Claro recollera máis de 2.500 sinaturas dos veciños de Guitiriz a favor deste proxecto, o que representa á metade da poboación.
Complemento do centro de día
Trátase dun novo proxecto, pois o anterior contemplaba unha residencia e un centro de día. O plan cambiou por decisión da alcaldesa Regina Polín, que apostou por recuperar a antiga Casa dos Peóns Camiñeiros, habilitando un centro de día na mesma.
A residencia na Casa da Botica contará con 26 habitacións con posibilidade de seren dobres, podendo ofrecerse ata 52 prazas. Trala apreciación positiva de Patrimonio, o Concello tramitará a concesión da licencia municipal para iniciar os traballos de construción a comezos de 2019.