InicioCulturaNace unha revista que recolle a actual revolución poética da Terra Chá

Nace unha revista que recolle a actual revolución poética da Terra Chá

A publicación NPG GaZeta recompila textos de máis de vinte autoras e autores noveis, da man do grupo Nova Poesía Guitirica e da asociación cultural Lareira dos Soños dos Vilares. "Había persoas ás que lles gustaba a poesía, pero que non se atrevían a escribila ou compartila. Agora fano", sinalan como triunfo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Na Terra Chá non atopan o porqué, pero sábense cheos de poetas dende sempre. O legado de Manuel María, Xosé María Díaz Castro, Aquilino Iglesia Alvariño —e outras cuxos nomes quizais quedaron ocultos— está en boa man co labor do grupo Nova Poesía Guitirica (NPG). Este colectivo vén de facer público o número cero da súa revista NPG GaZeta, na que participaron máis de vinte poetas actuais cos seus textos.

A agrupación NPG xurdiu no 2015 a fío dun acto conmemorativo no 25º cabodano de Díaz Castro, escritor dos Vilares (Guitiriz). “Daquela eramos só oito persoas e pensamos que había ser unha cousa puntual, pero fomos medrando e xa nos consalidamos como grupo”, explica Antón Tenreiro, presidente da asociación sociocultural Lareira dos Soños dos Vilares e membro de NPG. Defínense como un grupo aberto e, como tal, xa traspasaron as fronteiras do municipio guitiricense.

A revista que veñen de publicar, NPG GaZeta, está dispoñible na rede para a súa descarga, aínda que proximamente tamén verá a luz en papel. Quixeron deixar unha pegada “formal” desta iniciativa que se foi fraguando “moi pouco a pouco”. Unhas dúas ducias de autores e autoras comparten un poema de seu, ao tempo que o acompañan doutro texto dun escritor con traxectoria recoñecida. Desta maneira, atopamos versos de Ana Vila Portomeñe, Óscar de Souto, Beatriz Dourado ou Branca Villar a carón doutros de Ana Rey Gay, Eduardo Pondal, Luz Pozo Garza ou Rosalía de Castro.

TERRA DE POETAS

Antón Tenreiro destaca a “gran participación” que houbo neste número 0 da revista, reflexo da intensa actividade literaria que se dá na Terra Chá, unha comarca onde “a poesía ten moitísimo peso histórica”. Non haberá unha razón única que explique esta proliferación de escritores, di Tenreiro, mais sinala o labor de asociacións como Xermolos, que “tanto fixeron” por fomentar a cultura entre a veciñanza “xa dende pequeniños”.

Hai varias creadoras noviñas que veñen pisando forte e atando a poesía do futuro, pero ese non é o único éxito que perciben dende Nova Poesía Guitirica. “Sabemos que había persoas ás que lles gustaba a poesía, pero que non se atrevían a escribila ou compartila. Agora fano”, conta con ilusión Antón Tenreiro, agradecido por ver como medra esta “rede de poesía de base”.

Coida que a poesía funciona como un acto de liberdade persoal que, levado á temática social, serve como “instrumento revolucionario para chamar a atención contra as inxustizas”. Con todo, nesta primeira revista conxugan poemas de carácter sociopolítico con outros máis intimistas, co fin de amosar a variedade que existe entre as participantes. Con esta premisa, andan cavilando en organizar o I Festival de Poesía en Guitiriz, un encontro no que se lle dea voz a creadoras e creadores que inzan a comarca de versos.

ÚLTIMAS

A Garda Civil detén en Lugo un implicado nunha rede internacional de tráfico de especies protexidas

Un home foi detido en Lugo no marco da operación Namib, un dispositivo a gran escala desenvolvido...

O alcalde de Lugo pide por carta ao Ministerio de Transportes que inclúa á cidade nas melloras ferroviarias

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, pedirá por carta ao Ministerio de Transportes que...

O Concello de Lugo estuda unir os parques Rosalía de Castro e Marcos Cela cunha pasarela peonil

 Concello de Lugo proxecta a unión dos parques Rosalía de Castro e Marcos Cela...

O patrocinio dun clube de alterne no cartel dunhas festas volve xerar polémica en Outeiro de Rei

Un ano máis xurdiu a polémica en Outeiro de Rei pola publicidade que se...