O VI Campus de Emprendemento Sostible rematou oficialmente coa entrega de diplomas aos 30 alumnos participantes no IES Terra Chá José Trapero Pardo. Do acto participou a directora e o profesorado do centro, así como o deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, en representación da Deputación, organizadora dun programa que posibilitou a creación de 21 empresas nas anteriores edicións.
No instututo de Castro Ribeiras de Lea, trinta estudantes de entre 18 e 50 anos recibiron formación e puideron visitar as instalacións de exitosas iniciativas empresariais emprazadas na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Os participantes están a cursar ciclos formativos de Técnico superior en xestión forestal e medio natural e de Técnico superior de paisaxismo.
Tal e coma explicou o emisario provincial, “esta iniciativa pioneira xera novas oportunidades no rural como saída laboral”, fomentando a creación de emprego como alternativa ao despoboamento. “Na Reserva da Biosfera Terras do Miño existen oportunidades de negocio sostibles que poden xerar riqueza na nosa provincia, e que vos poden permitir vivir no noso territorio”.
Ideas para empresas respectuosas co medio ambiente
Os estudantes realizaron cursos de motivación, xeración e maduración de ideas empresariais. A través da formación ofrecida pola Deputación, coñeceron tipoloxías de empresas con valores sociais e medioambientais, presentadas no Campus coma exemplo de boas prácticas coa contorna e coas xeracións do futuro. Afondaron asemade na viabilidade comercial, financeira, técnica e legal dun negocio.
Como colofón, os participantes visitaron as instalacións de empresas exitosas que, ubicadas na Reserva da Biosfera Terras do Miño, están a revitalizar o rural lucense. No Corgo, tiveron a oportunidade de coñecer a un artesán que participou nestes Campus hai dous anos e agora dedícase ao cultivo e transformación de cabazas, que emprega para deseñar e comercializar lámpadas, artigos de decoración e complementos.
Rematado o VI Campus, ofrecéronse titorías para prestar asesoramento personalizado ao alumnado que, baseándose no desenvolvido no programa provincial, desexou continuar o traballo de maduración de ideas.
Preto de 500 participantes e 21 empresas creadas
Dende a posta en marcha do Campus de Emprendemento Rural, medio milleiro de persoas de todas as idades recibiu formación de balde que, no tempo, supuxo a creación de 21 novas empresas na provincia de Lugo. Estas son:
A horta da Sancoveiga (Vilalba); Esther Fernández Díaz (Ancares); Nenea, medrar creando (Lugo); Avogar (Lugo); Bico de Grao (Lugo); PK3 Ingenieros (Lugo); Marmeladas Acea de Olga (Lugo); WiseKid Summer Camp (Lugo); Mel Casa Príncipe (Cervantes); Explotación Extensiva de Gando Vacún (Sarria); Abadía (Mondoñedo); Bufarda Arquitectura (Monterroso); Esmorga Eventos (Mondoñedo); Galimós: A nosa granxa de galiñas de Mós (Outeiro de Rei); M3 Aguas (Lugo): ingeniería ambiental; Tu alicate, tenda online de ferramentas (Becerreá); Artesanía Calabazas Mago de Luz (O Corgo); Centro Shalom (Lugo); Caserío Meiroi (Navia de Suarna); Elexes, más que electricidad (Lugo); e Hotel Os Ancares (Becerreá).