InicioEconomíaA aterraxe de Boeing en Rozas vén da man doutros dous proxectos

A aterraxe de Boeing en Rozas vén da man doutros dous proxectos

A Xunta acompaña a instalación de Boeing en Rozas con outros 4 millóns de euros para dous proxectos de tecnoloxía autónoma, para un total de 103 novos empregos

PUBLICADA O

- Advertisement -

A última compra pública de solucións innovadoras de aviación non tripulada confirmou a chegada de Boeing á base de Rozas, en Castro. Mais non será a única incorporación desta tanda, pois a Xunta anunciou outros dous proxectos de seguridade marítima e control das masas de auga. En total, as tres iniciativas comportarán un investimento público de 10 millóns de euros –máis outros 4 do xigante norteamericano– e carga de traballo para 103 empregados de alta cualificación.

O aeródromo acada así os 50 millóns de euros mobilizados entre nove liñas de investigación e a construción do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), dentro da previsión de que sexan 157 os millóns investidos nas dúas primeiras fases do polo aeronáutico de Galicia. Das empresas participantes, sete de cada dez son galegas, e máis da metade traballarán por vez primeira nestas instalacións.

Boeing é a primeira corporación en aterrar en Rozas despois de Indra e Babcock, que xa desenvolven os seus programas de vehículos aéreos non tripulados. O centro chairego será xestionado polo Instituto Nacional de Técnica Aeronáutica (INTA). A estas entidades engadiranse nas vindeiras datas dous consorcios formados por tres compañías cada un, e o goberno galego espera poder involucrar adicionalmente a catro centros de coñecemento galegos, oito empresas e dous organismos públicos.

Segunda xeira de innovación

O aeródromo de Rozas, sede do festival aéreo Criterium, alberga tamén os desenrolos aeronáuticos do INTA, Indra, Babcock e Gaerum, entre outras
O aeródromo de Rozas, sede do festival aéreo Criterium, alberga tamén os desenrolos aeronáuticos do INTA, Indra, Babcock e Gaerum, entre outras

Boeing desenvolverá tecnoloxías para a compatibilidade entre aeronaves non tripuladas e as de tipo convencional en escenarios singulares, incorporando con tal fin recursos propios a Rozas, incluíndo a instalación dun simulador de probas e continxencias. Da firma estadounidense, segundo fabricante mundial de aviación, dependerán 58 postos de traballo.

Canda a Boeing aparecen dous novos actores. A segunda adxudicación corresponde a un consorcio conformado pola UTE Imatia Innovación, S.L., Cartogalicia, S.L. e Industria Ferri, S.A.. Entre as tres desenvolverán unha solución para reforzar a seguridade marítima da frota pesqueira galega, así como o seguimento e control da súa actividade mediante un sistema de monitorización continua. Conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros.

A terceira parte do programa de compra pública, adxudicada por 2,45 millóns, permitirá dotar á adminstración galega dun servizo de mostraxe e recollida de datos para o control de masas de auga máis barato e capaz de operar en condicións adversas. O sistema basearase no uso de vehículos autónomos aéreos e acuáticos, a cargo do consorcio que forman Adantia, Indra Sistemas e Sixtema.

Amén dos 10 millóns de euros para a construción do propio CIAR, a Xunta realizará “proximamente” novos investimentos no polo tecnolóxico de Rozas: un novo parque industrial por 2,4 millóns, e a posta en marcha da aceleradora do sector aeronáutico, con 4,75 millóns, e que operará provisionalmente no Pazo de Feiras e Congresos ata que estea finalizado o Centro de Emprendemento do novo complexo da Residencia.

ÚLTIMAS

Os túneles de Doncos e Cereixal, na A-6, permanecerán cortados durante tres noites esta semana por obras

O Ministerio de Transportes realizará cortes de tráfico durante as noites deste martes, mércores e xoves...

O TSXG suspende de forma cautelar as autorizacións para construír tres parques eólicos en Lugo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou a suspensión, de forma cautelar, das autorizacións...

A Deputación de Lugo desbrozará 4.200 quilómetros de estradas en mes e medio

A Deputación de Lugo comezou este luns os traballos de roza nos máis de 4.200 quilómetros de...

Detido un mozo en Lugo acusado de roubo ao ser sorprendido no interior dunha vivenda e encapuchado

Un mozo foi detido en Lugo sorprendido mentres, supostamente, roubaba nun domicilio particular do...