InicioCulturaFestival 27373, todo un día de sintonía á beira do río Ladra

Festival 27373, todo un día de sintonía á beira do río Ladra

Begonte celebra este sábado, nun fermoso entorno natural, a sétima edición deste festival con aires de romaría

PUBLICADA O

- Advertisement -

Este sábado 11 de agosto, Begonte presume dun escenario privilexiado á beira do río Ladra. Será coa sétima edición do Festival 27373, un certame con aroma a romaría polo día, e que medra en potencia cara a noite coa selección de música en galego. Un evento miúdo, feito con ilusión e amor en palabras de Carlos, un dos responsables da organizadora, a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario. Todas as actividades do festival son de balde, do mesmo xeito que a zona de acampada. Paseos en canoa, cervexa artesá, billarda… quen dirá que non?

O primeiro é o primeiro. Este festival ten un atractivo especial no entorno natural.

A verdade é que si. Estamos moi contentos de que o Club Fluvial de Begonte nos preste as instalacións para o festival, porque o entorno é magnífico, magnífico.

Resulta interesante que é un festival de música, pero comeza ás 12.00 horas cunha modalidade deportiva.

A idea que temos do festival é que sexa familiar, con actividades para os máis pequenos, e logo o festival de música. Comezamos cos paseos en canoa, outro dos grandes atractivos do sitio, paseos polo preciosísimo río Ladra. Podes ver a contorna dende o propio río, a verdade é que é un paseo que presta moitísimo.

Por ter, o Festival 27373 ten incluso cervexa oficial. Como xorde esta idea?

Na asociación hai dúas persoas, Eliseo e mais eu, que somos moi afeccionados á cervexa artesá. Dende hai tempo empezamos con obradoiros para facer cervexa na asociación, entramos en contacto con Alberto Curiel, de Cervexa Aloumiña, e dende hai dous ou tres anos levabamos valorando a posibilidade de facer a nosa propia cervexa como fonte de financiación e como algo propio do festival, que nos caracterice e dea valor á cerveza artesá.

É unha cervexa na que participamos eu, Eliseo e Alberto, non é unha cervexa de encargo. Nós implicámonos na elaboración e é algo do que estamos bastante orgullosos.

Canda vós, Castiñeiro Milenario, estarán as compañeiras de Bolboreta Fiandeira. Como resulta esta colaboración?

Dende o principio era a idea que outras asociacións puideran vir ao Festival 27373 e amosar o que saben facer, e os proxectos que fan. Bolboreta Fiandeira foi das primeiras que dixo que quería vir e ensinar o fiado da la e o liño, e incluso ás veces veñen cun grupo de música tradicional. Elas están todo o día vestidas cos traxes tradicionais, traballando nunha demostración.

Porque logo está a parte da música e o baile tradicional.

Na sesión vermú vén a Asociación Cultural Río Miño, que tamén ten sección de baile. Complementan a música tradicional co baile, e é algo que nos gusta moito.

Amais das fiandeiras, que hai da artesanía?

Estamos abertos a que calquera tipo de artesán que teña un traballo interesante, ou que queira vir ao festival. Temos confirmados artesáns de coiro, de monecos de gancho e cousas así. Non temos tantos como nos gustaría, pero é algo que comezamos a ter. Os artesáns queren ensinar o seu produto e vender; tes as limitacións dun festival pequeno, aínda que vir é de balde.

Un ano apareceu un señor que facía cousas en madeira, que viña dende Andalucía. Chegou e amosou as súas cousas. Estamos moi abertos a colaborar con todo o mundo.

O Festival 27373 é como dous festivais en un. Como é a transición cara o festival da noite?

Pola tarde tamén está pensado para os máis pequenos. O festival para despois da sesión vermú, para para xantar. As instalacións danse moi ben para isto, para recuperar o xeito das antigas romarías, que a xente vaia coa súa comida, aínda que hai un bar no Club Fluvial. Ese é o espírito que nos gusta.

Xusto despois de xantar, ás cinco empezamos con dúas actividades. Unha segue a ser para nenos e familias, coa asociación cultural vilalbesa Colorín Colorado. Haberá dous obradoiros: un de xogos populares, que durará arredor unha hora; e despois outro de modelado de arxila, para que os nenos traballen coas mans, que estean tranquilos e poidan estimular a imaxinación.

E tamén ás cinco da tarde haberá outra actividade deportiva, o Aberto de Billarda. Isto é un exitazo total, levamos no festival de Begonte tamén sete edicións do Aberto de Billarda e o ano pasado apuntáronse sesenta persoas. É unha actividade de moitísimo éxito.

Xa á tardiña comeza o festival, a música en galego.

Ás sete e media comeza o festival de noite. Gústanos comezar cedo, con toda a intención para que as familias poidan desfrutar do festival. A primeira actuación é do grupo Migallas, que é un dúo de teatro musical, actuación dirixida especialmente a nenos e nenas e familias.

Despois seguiremos c’Os Carecos, un grupo de música tradicional, catro  rapaces, pandereteiros da zona de Ortegal. Todos os anos metemos música tradicional e este ano tócalles a eles defender esa parcela.

A continuación viría Cuarta Xusta, un grupo integrado practicamente por mulleres, catro mulleres e un home. Interésanos, malia que é complicado, ter grupos de mulleres, que ás veces quedan esquecidas da música, salvando quizais na música tradicional. Sempre tentamos que un dos grupos teña un forte carácter femenino.

Pecha Berta Franklin, que ten unha historia curiosa, porque o nome vén da muller que matou en defensa propia a Sam Cooke. Son bastante coñecidos en Lugo, un dos compoñentes é de Begonte, fan rock soul. Tentamos potenciar os grupos da zona Terra Chá e Lugo. Ás veces non teñen a posibilidade de tocar en festivais, que menos que poidan tocar preto.

Como se financia o festival?

Traballamos todo o ano para tentar financiar o festival, unha actividade que dá perdas sempre. Non houbo nin unha soa edición na que polo menos quedáramos a pre. Temos sobre todo a subvención do Concello de Begonte, e antigamente a Deputación de Lugo tamén subvencionaba este tipo de eventos únicos. Agora non hai axudas directas para festivais, pero tentamos financiarnos a partir destas subvencións, do traballo de todo o ano, e a venda de camisetas, vasos e a propia cervexa.

Por que Festival 27373?

O código postal do Club Fluvial de Begonte. A idea orixinal partiu da que era antes a secretaria, María Pardo, que representa a parte rapeira e hip hop da xunta directiva. Buscabamos un nome e o sistema que empregan para localizarse pareceunos super orixinal.

Que hai da orixe da asociación Castiñeiro Milenario?

Na primeira directiva non estiven, entrei un ano despois. Xorde como todas as asociacións culturais: hai ganas de facer cultura en Begonte, que non se caracteriza por ter senda cultural. Había un grupo de rapaces con esta inquedanza, e a través de conversas de bar foise xuntando xente e acaban facendo este proxecto.

Máis información sobre o Festival 27373 nesta ligazón 

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...