InicioEconomíaDeputación e 51 concellos de Lugo preparan un canon para as enerxéticas

Deputación e 51 concellos de Lugo preparan un canon para as enerxéticas

A xurisprudencia permite gravar a ocupación de terreo público por parte das empresas enerxéticas – Un estudio fará inventario como paso previo á regulación

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación acadará novos ingresos para os concellos de Lugo coa aplicación de taxas ás empresas enerxéticas pola ocupación de espazos públicos municipais. Este luns asinouse o convenio entre a autoridade provincial e 51 municipios para iniciar os traballos preliminares, nun proxecto sen precedentes na provincia. O gravamen suporá un ingreso adicional para as administracións locais que, esperan, redunde tamén en beneficio para as compañías subministradoras de enerxía.

O presidente da Deputación, Darío Campos, explicou que en primeiro lugar contratarase un estudo para determinar o espazo público ocupado polas empresas de luz e gas. O rexistro técnico e xurídico permitirá establecer as taxas correspondentes polo transporte de enerxía en cada termo municipal. O resultado recollerase nunha ordenanza que aprobarán os concellos para a súa aplicación, comezando así a percibir estes novos ingresos.

Malia ser unha iniciativa novidosa na provincia de Lugo, hai exemplos en España e tamén en Galicia que avalan esta liña impositiva ás enerxéticas. Así, Campos explicou que “en Arteixo están a traballar neste eido tralas sentenzas favorables do Tribunal Supremo sobre a regulación de taxas ás eléctricas mediante ordenanzas municipais”.

A Deputación destinará a este proxecto uns 130.000 euros. Os concellos asinantes colaborarán cos axudas de entre 3.000 euros e un máximo de 6.000, en proporción á lonxitude das liñas eléctricas coas que conten. O custo para o conxunto do proxecto é de 256.000 euros

Os 51 concellos que colaboran da Deputación son Abadín, Alfoz, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castroverde, Cervantes, Chantada, O Corgo, Cospeito, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Guntín, O Incio, Láncara, Lourenzá, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra de Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Riotorto, Rábade, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xermade. 

O goberno da Deputación, dende a Área de Cooperación dos Concellos, elaborou un estudo previo que recolle as tipoloxías de liñas eléctricas coas que contan os Concellos, e a lonxitude de ocupación das liñas de tendidos eléctricos sobre os bens de titularidade pública municipal. Unha empresa especializada, a que resulte adxudicataria do proceso aberto a todas as entidades interesadas que se publicarán nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia, elaborará o inventario de ocupación e aproveitamento do dominio público municipal de toda a provincia.

 

Sentenza favorable do Tribunal Supremo

O Tribunal Supremo de Xustiza ditou varias sentenzas favorables sobre ordenanzas similares nos municipios de Arteixo (A Coruña), Serradilla (Cáceres) e Villalcampo (Zamora). As sentenzas aceptan “a valoración dos devanditos Concellos das liñas eléctricas e as canalizacións como construcións a efectos de cálculo da base impoñible da taxa por utilización do dominio público”.

Sobre iso, o alto tribunal recolle que “non se trata de gravar un chan rústico de uso agropecuario, senón a utilidade que lle reporta ao suxeito pasivo a utilización privativa ou o aproveitamento especial do mesmo, con exclusión dos demais, para unha actividade netamente industrial consistente en transportar e distribuír enerxía eléctrica”. Por iso considera que unha taxa ás enerxéticas é “de todo punto axustada ás esixencias legais”.

+ posts

ÚLTIMAS

Investigado por insultar e ameazar en redes sociais a un xogador do Club Deportivo Lugo

A Policía Nacional identificou a un home, veciño da provincia de Lugo, como presunto...

Detido un mozo en Lugo por unha suposta agresión sexual

Un home de 18 anos atópase detido en dependencias policiais acusado dunha suposta agresión...

Aberta a circulación de trens na variante da Pobra de San Xiao

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, a través de Adif, puxo en explotación...