A Garda Civil detivo a tres veciños de Lugo, de 27, 31 e 42 anos, como supostos autores do roubo de cobre e ferramentas nas obras dos túneles da A-6.
Segundo informa, ademais dun delito de roubo con forza, impútaselles outro continuado de furto e un terceiro de pertenza a grupo criminal. En concreto, considérase que se apropiaron ilicitamente de 4.500 metros de cable de cobre e de numerosas ferramentas.
Os feitos tiveron lugar entre os meses de maio e xullo cando os presuntos autores subtraeron, ata en cinco ocasións, cableado de cobre procedente das obras de mellora que se están realizando nos túneles da A-6, ao seu paso polas localidades lucenses de Piedrafita, Doncos e As Nogais.
Os detidos, explica a Benemérita, vendían o material subtraído polo método do goteo en establecementos de tratamento de residuos fóra da provincia de Lugo, utilizando para o seu traslado diferentes vehículos e a terceiras persoas, “todo iso coa finalidade de dificultar a investigación policial e eludir a acción da xustiza”.
Durante o operativo da Garda Civil, interveuse unha furgoneta cargada con 900 quilogramos de cobre e parte das ferramentas subtraídas cando regresaban supostamente de cometer un ilícito. As dilixencias policiais foron postas a disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Becerrea.