Era a noite do 30 de abril de 1994 cando Isabel, preocupada pola tardanza en regresar a casa da súa irmá Elena, se desprazou ata o Cash Record do Polígono do Ceao de Lugo para descubrir que tanto ela como Esteban, un repoñedor, os únicos traballadores do establecemento á hora do peche, foran asasinados a tiros no transcurso dun roubo.
Así daba inicio un dos casos máis complexos do sistema xudicial español e toda unha excepción: a Audiencia de Lugo abrirá este luns xuízo oral contra o único acusado deste crime, unha vista que se basea no sumario xudicial en aberto e en trámite máis antigo do país, que tardou case 30 anos en sentar un procesado no banco dos acusados.
No transcurso de todo este tempo, o dobre crime do Cash Record de Lugo estivo a piques de prescribir fronte á loita incansable das familias das vítimas para que non caese no esquecemento.
A investigación inicial, segundo denuncia a letrada da acusación, Carmen Balfagón, “deixou moito que desexar”. Pouco puido determinar do autor ou autores do crime no seu momento, salvo que o ataque produciuse no momento do peche do establecemento e que as vítimas abriron a porta a unha persoa que non parecía supor unha ameaza para eles, polo que as súas familias sempre creron que era alguén coñecido.
ESCOITAS A PIQUES DO ARQUIVO
Tras unha sucesión de prórrogas na investigación que parecían estériles, o xuíz encargado do caso, do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Lugo, decidiu pór punto e final ás pescudas cando estaban a piques de cumprirse 25 anos do dobre asasinato, o que levou ás familias a pedir a intervención da Audiencia Provincial de Lugo. Ao bordo do arquivo definitivo, a Audiencia admitiu o seu recurso e novas dilixencias, entre elas unha intervención telefónica ao sospeitoso en 2013.
Desas novas dilixencias, testemuños e escoitas xurdiu, en tempo de desconto, os indicios que levaron á declaración do que hoxe é o único procesado por este crime: un hostaleiro que no momento do crime rexentaba un local na Rúa Nova de Lugo e que hoxe reside en Burgos.
No xuízo contra el, fixado na Audiencia Provincial de Lugo desde o vindeiro luns, día 6, están citados a declarar unhas 60 testemuñas, segundo apunta a letrada da acusación.
Será toda unha ‘viaxe no tempo’ a nivel xudicial, unha vista excepcional, xa que se xulgará, como determina a lei, tomando como base a lexislación existente no momento da suposta comisión do delito, isto é, de 1994. Isto implicará, entre outras cuestións, que o proceso non contará con xurado popular, encargado de emitir veredicto nos casos de homicidio, xa que a lei que o rexe é dun ano despois, 1995.
28 ANOS DE PRISIÓN
Para o procesado, as familias das vítimas, que exercen a acusación particular, piden 28 anos de prisión polos dous homicidios e por un delito de roubo con violencia, dado que do Cash Record do Ceao levaron tamén un botín duns cinco millóns de pesetas (30.000 euros).
A Fiscalía, con todo, non presentou cargos contra o procesado, pois non ve probas de cargo contra el, e pide o sobresemento da causa.
No auto de apertura de xuízo oral, a maxistrada recoñece que as probas contra o acusado non son só “conxecturas ou simples sospeitas”, senón que existen indicios de criminalidade e vinculación con este caso, e recrimina a súa pouca colaboración.
“O procesado seguiu a tónica de negar mesmo feitos obxectivos que constan no sumario, tales como a súa familiaridade coas armas, pois foi condenado por un delito de tenencia de armas sen licenza ou permiso; ou negando que conducise vehículo algún na súa vida debido a que carece de permiso oficial, cando consta a condena en dúas ocasións por condución sen permiso oficial”, recalca a xuíza. Entre as causas anteriores, tamén figura unha de tráfico de drogas.