Investigado o condutor dunha moto interceptado a 257 km/h nunha zona limitada a 120 en Vilalba

Pode perder o carné e ter unha multa de 6.000 euros.

Rádar na autovía A Coruña - Lugo / EP

A Garda Civil imputou por un delito contra a seguridade viaria a un mozo de 25 anos veciño de Lugo interceptado nunha moto a 257 quilómetros por hora nunha zona limitada a 120 no municipio lucense de Vilalba.

Así o informou a Garda Civil que indicou que aínda que foi imputado este mércores os feitos, segundo fontes do Instituto Armado, producíronse o pasado 28 de febreiro ao ser detectado por un radar fixo a 257 quilómetros por hora, nunha vía limitada a 120.

Foi no quilómetro 54,8 da autovía AG-64, que une Ferrol con Vilalba, á altura deste último termo municipal de Vilalba. O modelo da moto é unha Yamaha R-1, que ten 200 cabalos e pesa ao redor dos 200 quilos, ademais de contar un motor de catro cilindros en liña de 998 centímetros cúbicos.

Fontes da investigación apuntaron que o investigado terá que comparecer ante un xuíz que probablemente lle retire o carné “por máis dun ano” e unha sanción que podería oscilar “entre o cinco ou seis mil euros”.