
A Policía Local de Lugo denunciou un local nocturno na rúa Salvador de Madariaga, que foi desaloxado, por superar o número máximo de persoas permitido e pola presenza de clientes sen máscara. A inspección efectuouse logo das queixas duns veciños por mor do ruído que proviña do establecemento.
Así o informou a Policía Local, que relatou que sobre as 23:00 horas deste 8 de xullo patrullas do Grupo Operativo Nocturno deste corpo municipal e da Policía Nacional acudiron a un local da rúa Salvador de Madariaga porque veciños se queixaban do ruído procedente do establecemento.
Os axentes comprobaron desde o exterior que se escoitaba música “en ton moi elevado que perturbaba o descanso dos veciños”, polo que efectivos da Policía Local realizaron unha inspección no interior do establecemento.
Deste xeito, os policías localizaron varios altofalantes, unha mesa de mezclas e un ecualizador que “tentaban ocultar na zona da cociña“, a pesar de carecer o local de autorización para a instalación de equipo de reprodución musical, motivo polo cal se levanta acta de infracción á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas.
Ademais, comprobaron que o establecemento superaba a capacidade permitida, xa que na licenza indícase un máximo de 78 persoas e “había no interior 96”, polo que incumpría a normativa do “75% establecido”. Os axentes tamén observaron que os clientes non levaban máscara e non respectaban a distancia de seguridade interpersoal. Ademais, para “gañar espazo no local”, puntualizou a Policía Local, o responsable “colocou a máquina de futbolín encima da mesa de billar”.
Por todo iso, tramitouse acta por infracción á normativa da Consellería de Sanidade sobre medidas implantadas con ocasión da situación de emerxencia sanitaria. Os axentes ordenaron o desaloxo do local e identificaron a responsable do local, que manifestou que se celebraba unha festa de aniversario.
CAMAREIROS SEN CONTRATO
No transcurso da inspección, así mesmo, os axentes da Policía Local detectaron a dúas persoas que realizaban as funcións de camareiros sen “ningún tipo de contrato nin vinculación laboral co establecemento”, polo que tramitaron acta para a súa remisión a Inspección de Traballo da Seguridade Social.
Do mesmo xeito, tamén se detectou que no interior “había moitas cabichas, fume no ambiente e un forte cheiro a tabaco“, polo que realizaron acata por infracción á lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo.