Axentes da Policía Nacional adscritos á Brigada de Seguridade Cidadá, en servizo de noites, detiveron un home de 45 anos e veciño de Lugo, con “innumerables antecedentes”, que estaba en busca e captura desde 2017. A detención levouse a cabo despois de que este “perigoso delincuente” estivese oculto nun domicilio durante máis de dous anos sen saír.
Así o informou a Policía Nacional, que relatou que sobre as 3,00 horas, cando axentes realizaban funcións de vixilancia das zonas de lecer, na rúa Galicia observaron un home que recoñeceron “sen ningún xero de dúbidas”, matizan as mesmas fontes, como o que estaba en procura desde fai mais de dous anos.
Deste xeito, “coa cautela precisa”, indica a Policía, os axentes achegáronse a esta persoa, quen ao velos, empezou a correr rúa abaixo e foi perseguido polos policías, que o interceptaron na confluencia coa rúa Mariña Española.
Ao darlle o alto e tratar de agarralo, destaca a Policía, o individuo esgrimiu unha navalla aberta cara aos axentes, aos que tratou de agredir. Un deles conseguiu agarrarlle a man na que portaba a navalla e o outro precipitalo ao chan. Desta forma desarmárono e inmobilizárono para o seu traslado a dependencias policiais na rúa Chantada.
En comisaría procedeuse a tramitar o atestado, xunto cos oficios aos catro xulgados de Lugo dos que dependían os respectivos ingresos en prisión. O arrestado foi posto a disposición xudicial este domingo, tras o que ingresou en prisión seguidamente.