InicioLugo e contornaLugoAsociacións, concertos, actividades e decoración: o destino da metade do orzamento do...

Asociacións, concertos, actividades e decoración: o destino da metade do orzamento do Arde Lucus

A alcaldesa cualifica de "exitosa" esta 25 edición, mentres que o PSOE atribúeo á planificación realizada polo Goberno anterior

PUBLICADA O

- Advertisement -

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, aproveitou a reunión semanal da Xunta de Goberno para facer unha valoración de “unha exitosa” 25 edición do Arde Lucus, a primeira baixo o goberno dos populares. Para a alcaldesa as altas temperaturas e as adaptacións do programa por este motivo non evitaron os bos resultados tras un investimento de 600.000 euros.

Na súa valoración explicou que faltan por pecharse os datos sobre o volume de turistas que visitaron a cidade, “pero está claro que foi un cheo total, xa que os aforamentos completáronse en practicamente todas as actividades”, explicou. Só achegou dous datos sobre a actividade nas redes sociais, con máis de 1,8 millóns de impactos e 3,5 reproducións.

Segundo detallou, do total do orzamento, 263.000 euros destinouse a actividades, decoración e axudas a asociacións, mentres que para concertos han ido 116.000 euros e 95.000 para o circo. En seguridade o investimento rolda os 79.000 euros mentres que 63.000 foron para promoción. A isto quixo Candia sumar os 18.000 euros que se investiron en teas para facer o desfile dos colexios, no que participan uns 3.000 lucenses.

A alcaldesa fixo un agradecemento amplo a todos os implicados, comezando polo concelleiro responsable, Damián Carballo, de baixa por paternidade, “pero que estivo aí”. Dirixiu a súa felicitación especialmente á Policía Local, bombeiros e Protección Civil, que interviñeron en varias ocasións para tentar paliar as elevadas temperaturas.

As asociacións de recreación histórica leváronse a principal felicitación, do mesmo xeito que as asociacións de pais, ou a empresa Ecolugo, encargada da limpeza.

Candia puxo en valor o esforzo realizado tanto polas policías Local, Nacional e Autonómica para “reforzar a seguridade, xa que foi un dos mellores pola implicación de todos os profesionais”. Tamén puxo en valor os últimos cambios realizados, como a decoración da praza de Santo Domingo e Rúa Raíña, as novidades nos campamentos ou intensificar a animación na rúa.

RESPOSTA SOCIALISTA

O concelleiro socialista Jorge Bustos defendeu que o éxito de participación rexistrado durante a festa foi froito da planificación realizada polo anterior Goberno municipal.

Asegurou que as principais novidades desta edición, coincidente co 25 aniversario do Arde Lucus, foron deseñadas durante a súa etapa á fronte da área de Mocidade. Entre elas destacou a reorganización de espazos, novas localizacións para actividades e campamentos, a ampliación da programación e eventos como o concerto de Abraham Cupeiro.

O edil afirmou que gran parte das colaboracións institucionais, acordos con patrocinadores e apoios económicos xa estaban negociados antes da moción de censura, polo que acusou ao actual Goberno local de tentar apropiarse dun traballo previamente realizado.

Así mesmo, criticou que o Executivo de Elena Candia apenas fixese referencia ao 25 aniversario da festa, considerando “que se tratou de minimizar unha efeméride histórica e de ocultar o esforzo colectivo que permitiu consolidar o Arde Lucus durante os últimos 25 anos”.

Bustos tamén lamentou que se prescindise de persoal técnico con experiencia na organización do evento e denunciou varias deficiencias na xestión desta edición. Entre elas sinalou atrasos no pago de anticipos comprometidos ás asociacións de recreación histórica, problemas na elaboración do Plan de Autoprotección, falta de coordinación nalgunhas actividades e erros na decoración pola presenza de elementos anacrónicos.

A pesar destas críticas, recoñeceu o bo desenvolvemento xeral da celebración e destacou que o éxito do Arde Lucus débese ao traballo das asociacións, do persoal municipal e de anos de planificación acumulada.

Finalmente, defendeu un modelo de crecemento baseado “na colaboración co tecido asociativo, o rigor histórico e a planificación profesional”, e trasladou a súa felicitación a todos os efectivos e colectivos que participaron no dispositivo de seguridade, cuxo traballo cualificou de “exemplar”.

DEPUTACIÓN DE LUGO

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este domingo no desfile dos Scholarum, unha das actividades máis emblemáticas e multitudinarias da celebración, na que centos de nenos e nenas dos centros educativos da cidade tomaron as rúas para recrear a historia de Lucus Augusti. A Deputación de Lugo foi a principal administración colaboradora do Arde Lucus, cunha achega de 50.000 euros destinada a reforzar a proxección e a calidade dun dos principais eventos culturais e turísticos da provincia.

+ posts

ÚLTIMAS

Operación policial en Lugo para desarticular unha rede que explotaba mulleres colombianas, hai un detido

A Policía Nacional, nunha operación desenvolvida conxuntamente con autoridades policiais de Colombia, desarticulou unha...

O Concello de Lugo inicia actuacións para a recuperación da contorna do Miño

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, visitou hoxe a contorna dos Robles para presentar...

A Deputación comeza as obras na vía de Louxas en Navia de Suarna

  A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de rehabilitación da vía LU-P-3506,...

A socialista González Abelleira reclama a Candia o aparcadoiro proxectado para o Ceao

A voceira adxunta lembra que o proxecto  conta cun orzamento de 450.000 euros, está...