A cidade de Lugo prepárase para dar este xoves o pistoletazo de saída ao Arde Lucus cun cheo absoluto nas reservas hoteleiras da cidade e cunha alta demanda tamén nas localidades limítrofes. Así o explicou o presidente da Asociación de Hostalaría de Galicia e tamén da asociación provincial, Cheché Real, quen agarda unha edición especialmente multitudinaria. “Contamos con que vai ser un Arde Lucus de éxito porque se esperan boas temperaturas e ausencia de choiva”, sinalou o responsable hostaleiro, que recalcou que está todo ocupado.
Real subliñou ademais que moitas persoas acoden á festa sen pasar a noite na cidade, polo que tamén se agarda un cheo total nas rúas. O responsable da hostalaría aproveitou para felicitar ás asociacións polo “brutal traballo de todo un ano” e tamén á organización. Con todo, destacou especialmente o papel da sociedade lucense. “A maior felicitación é para a sociedade en xeral, que é a responsable de que esta festa sexa o que é hoxe en día, a súa implicación é brutal”, concluíu.
TODAS AS ENTRADAS DO CIRCO, VENDIDAS
Outro dos cheos totais rexistrouse na única actividade con aforamento pechado: o Circo Romano. Vendéronse a totalidade das entradas, as 2.054 dispoñibles en cada unha das tres sesións. A pesar das críticas polo “atraso” na saída á venda, o mércores pola noite colgouse o cartel de todo vendido.
Mentres tanto, ultímanse os preparativos nos campamentos antes da apertura oficial da festa, que terá lugar ás 20.30 horas na ponte romana, coa chegada das lexións romanas ao mando do xeneral Caio Antistio e o posterior aceso do lume sacro de Vesta. Precisamente nesta primeira xornada, o Concello organizou autobuses especiais gratuítos para unir o centro da cidade coa zona da ponte romana. Sairán ás 19.30 horas de Salvador de Madariaga e volverán ás 21.45 horas.
REFORZO DE SEGURIDADE ANTE A PREVISIÓN DE MILLEIROS DE VISITANTES
A seguridade será este ano unha peza chave polo volume de visitantes que se agarda. A Policía Nacional en Lugo puxo en marcha un amplo dispositivo co obxectivo de garantir que esta cita cultural e turística se desenvolva “con total normalidade, seguridade e convivencia”. Está previsto reforzar a presenza policial na cidade mediante un incremento significativo de efectivos, co apoio ademais de unidades especializadas da Unidade de Intervención Policial, UIP.
O dispositivo estará orientado á prevención de infraccións, con especial atención a furtos, roubos e outros delitos contra o patrimonio. Tamén se intensificarán os labores de seguridade cidadá e vixilancia preventiva nos espazos con maior afluencia de público. Entre as actuacións previstas, realizaranse controis destinados a verificar o cumprimento das obrigas legais de comunicación e rexistro por parte dos establecementos de aloxamento.
A Policía Nacional colaborará tamén nas iniciativas de prevención da violencia sexual e de xénero. Neste sentido, manterase a coordinación co Punto Violeta habilitado durante as festas nos campamentos do Arde Lucus, co obxectivo de promover espazos seguros e libres de calquera tipo de agresión ou conduta irrespectuosa. Ademais, difundiranse recomendacións preventivas para que residentes e visitantes poidan gozar da festa con tranquilidade, con especial atención á protección de obxectos persoais, documentación e dispositivos móbiles.
CORTES DE TRÁFICO E REFORZO DA LIMPEZA
Ademais do plan de seguridade, o Arde Lucus conta cun amplo plan de tráfico, xa que un gran número de actos implicarán cortes puntuais ou continuados. A atención estará posta especialmente na zona da ponte romana durante esta primeira xornada, así como na chaira do pavillón municipal e na rolda da Muralla durante o sábado e o domingo, onde se celebrará o circo e terán lugar os desfiles.
Xunto ao plan de tráfico, o Concello puxo en marcha un plan de reforzo da limpeza. Tras os traballos previos de adecuación das zonas de concentración de actividades realizados nos últimos días, reforzarase o servizo de limpeza e recollida de residuos, especialmente na zona dos viños, campamentos e outros espazos de representacións. Estes labores realizaranse preferentemente con máquinas eléctricas para evitar molestias durante as celebracións e rematarán cunha limpeza exhaustiva o luns, unha vez finalizadas as festas.
MÁIS MÚSICA, MÁIS RÚA E UN 25 ANIVERSARIO ESPECIAL
O 25 aniversario do Arde Lucus chega cun programa máis amplo, no que haberá máis música e máis espectáculos de rúa. Os días fortes volverán ser sábado e domingo, con programación desde primeira hora da mañá, mentres que o venres a actividade se concentrará pola tarde. O encargado de pechar os actos será Abraham Cupeiro, que ofrecerá o domingo 21 un concerto especial na praza de Santa María. A música terá tamén un papel protagonista coa actuación de Celtica Pipes Rock!, unha formación europea coñecida por combinar gaitas con rock e metal sinfónico nun espectáculo acompañado de efectos visuais e pirotecnia.
A eles sumarase Grimorium, compañía especializada en ambientacións medievais e fantásticas que fusiona música en directo, interpretación e animación escénica. Outra das grandes novidades é a ampliación do Circo Romano. Ante a crecente demanda de público e de asociacións participantes, a organización decidiu incorporar tres representacións: unha sesión de tarde e un espectáculo nocturno o sábado, e unha función dirixida especificamente ao público infantil o domingo.
DA CHEGADA DAS LEXIÓNS AO APAGADO DO LUME SACRO
Entre os actos máis destacados figuran a chegada das lexións romanas e o aceso do lume sacro de Vesta, que marcarán o inicio da festa; a Asemblea Galaica e a Declaración de Guerra; a recepción de tropas e tribos estranxeiras; e o gran desfile de tropas romanas e tribos castrexas arredor da Muralla. Tamén haberá espazo para o Nacemento dun pobo galaico-romano, os bautismos e vodas celtas, as sesións do Senado, o Asalto ao Monte Medulio, as loitas de gladiadores e o apagado do lume sacro, que porá o broche final á celebración o domingo pola noite.
A actividade na rúa medrará con música, percusión, teatro e espectáculos itinerantes da man de compañías como Tambukada, Tympana Galaica, Vulcano, Malatitsch, Kaltie ou Trip Malabar. Entre os cambios desta edición figura tamén a recolocación dos postos de venda, que pasan a situarse na rúa da Raíña, así como o cambio do desfile dos escolares, que se realizará o domingo pola mañá. Lugo prepárase así para vivir unha edición histórica dun Arde Lucus que chega ao seu 25 aniversario convertido nunha das grandes citas culturais, turísticas e festivas de Galicia.
