A Concellaría de Educación do Concello de Lugo activou o protocolo sanitario tras detectarse a posible afectación polo ácaro Sarcoptes scabiei (sarna) en dúas persoas pertencentes á comunidade educativa da escola infantil Gregorio Sanz, concretamente dous profesores.
Nun comunicado, o Consistorio explica que a situación foi notificada inmediatamente ás autoridades autonómicas, tal e como se recolle no procedemento, concretamente á Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, dependente da Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemiología do Sergas.
Será este organismo, por tanto, o encargado de valorar o alcance do caso e determinar se resulta necesario o peche total ou parcial da escola infantil para levar a cabo as tarefas de desinfección correspondentes.
A XUNTA DI QUE NON A PECHARÁ
Con todo, a Xunta de Galicia non pechará a escola infantil de Gregorio Sanz. Así o trasladou esta tarde de martes a Consellería de Sanidade, que explicou que se puxo en marcha o protocolo de actuación “e que se segue investigando” a situación.
As actuacións previstas para estas primeiras horas consisten na comunicación da situación ás familias e buscar se existen máis casos relacionados, indicando o tratamento preventivo necesario ás persoas que foron contacto estreito cos afectados. “O tratamento preventivo dos contactos evita que estes se convertan en casos, reducindo así as fontes de reinfestación e de contaxio”, aclaran.
A sarna, causada polo ácaro Sarcoptes scabiei, transmítese principalmente por contacto directo e prolongado pel con pel e os síntomas poden tardar en aparecer entre 2 e 8 semanas.
O peche do centro, que é unha medida “que non se contempla”, non entra dentro das actuacións reguladas nos protocolos por este tipo de afectacións, segundo informan en Sanidade, indicando tamén que os casos confirmados deberán excluírse do centro ata pasadas 24 horas do inicio dun tratamento eficaz. O resto de usuarios poden seguir acudindo ao centro sempre que non presenten síntomas, que neste caso son lesións cutáneas e picor.
