InicioLugo e contornaLugoAprazada a expropiación para o centro de saúde Sacro Corazón pola espera...

Aprazada a expropiación para o centro de saúde Sacro Corazón pola espera de remanentes

O expediente foi aprobado inicialmente en outubro de 2025, sometido a información pública e analizado tras as alegacións presentadas pola propiedade

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprazou a aprobación do expediente de expropiación dos terreos do antigo colexio do Sacro Corazón, un paso necesario para pór o chan a disposición da Consellería de Sanidade e facilitar o avance do novo centro de saúde comprometido para o barrio. Así o comunicou este xoves a portavoz socialista no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, unha vez finalizada a sesión deste mércores.

Con esta decisión, o Goberno municipal pretendía desbloquear unha situación prolongada no tempo para atopar unha localización adecuada para este equipamento sanitario, considerado esencial para a atención á veciñanza.

Este expediente quedou sobre a mesa debido á necesidade de aprobación das contas do ano pasado e poder dirixir a iso os remanentes da liquidación.

O expediente fixa un xustiprezo total de 726.710,87 euros, incluíndo o premio de afección, para unha parcela de máis de 5.600 metros cadrados de chan e preto de 4.400 metros cadrados construídos, cualificada no Plan Xeral como equipamento público. Trátase da única parcela do barrio que reúne as condicións urbanísticas necesarias, o que lle confire un carácter estratéxico. O expediente foi aprobado inicialmente en outubro de 2025, sometido a información pública e analizado tras as alegacións presentadas pola propiedade.

A este respecto, nun comunicado, o PP criticou que a Xunta de Goberno corrixe o titular do alcalde e obriga a retirar este punto da orde do día por “falta de recursos“, o que consideran que evidencia unha “escandalosa falta de control” e o “descoñecemento do seu equipo”.

MUSEO DA ROMANIZACIÓN

Por outra banda, a solicitude para concorrer ao Programa do 2% Cultural do Goberno de España foi aprobada este mércores en Xunta de Goberno, o que permite ao Concello dar luz verde de forma oficial á tramitación desta vía de financiamento estatal destinada á conservación e posta en valor do patrimonio histórico e artístico. O proxecto presentado céntrase na rehabilitación do antigo Cuartel de San Fernando para a creación do Museo da Romanización.

A aprobación da solicitude prodúcese ante a ausencia dun “compromiso efectivo” por parte da Xunta de Galicia, administración con competencias en materia de patrimonio arqueolóxico, que ata o momento non deu resposta ás reiteradas peticións realizadas polo Goberno local para avanzar neste proxecto estratéxico, tal e como sinalaron a portavoz socialista, Ana González Abelleira e o primeiro tenente de alcalde, Rubén Arroxo.

O programa do 2% Cultural podería cubrir ata o 75% do custo total da intervención, que ten un custo superior aos 15 millóns de euros. Isto permitiría ao Concello asumir o 25% do total, para o que se reservou nos orzamentos deste ano, aínda sen aprobar, tres millóns de euros.

Rubén Arroxo dixo que “tamén é necesario pór sobre a mesa que o Concello ten que dar un paso adiante, porque a Xunta leva 18 anos incumprindo un acordo polo que se comprometía a crear catro museos históricos, un en cada provincia”. Segundo explicou, o Goberno autonómico leva anos “incumprindo de forma sistemática” ese compromiso, polo que reclamou á Xunta “unha implicación real, xa que este é un proxecto de gran envergadura, un proxecto de alcance galego, do mesmo xeito que o foron os outros tres museos, e, por tanto, a Xunta debe cumprir con Lugo tal e como se acordou no seu momento”.

APROBACIÓN DO PLAN DE IGUALDADE

Entre os outros asuntos aprobados en Xunta de Goberno destaca a aprobación da prórroga para o Plan de Igualdade do Concello, que afecta a todas as áreas e servizos e que se manterá así ata 2028.

Pola súa banda, Rubén Arroxo informou da renovación do contrato do servizo de enterramento para persoas sen recursos. O contrato, adxudicado á funeraria Albia, terá unha duración inicial dun ano, con posibilidade de ata catro prórrogas, e establece un prezo unitario de 701,80 euros por enterramento. A partida orzamentaria destinada a este servizo ascende a 69.297,50 euros.

O Concello asume de forma gratuíta a recollida do cadáver, o seu traslado ao cemiterio e os medios materiais necesarios cando se trata de persoas con escasos recursos económicos. Durante o ano 2024, o Concello asumiu o custo de nove enterramentos.

ÚLTIMAS

PSOE e BNG confían en aprobar os orzamentos de Lugo de 131,9 millóns nun pleno de incertezas

PSOE e BNG están convencidos de que os orzamentos para 2026, que foron presentados...

Lugo Monumental celebra a súa asemblea anual reelixindo a Luis Latorre como presidente

Lugo Monumental celebrou o martes día 3 de febreiro ás 16:00 a súa asemblea...

Guntín recibe máis de 50.000 euros para mellora enerxética do pavillón municipal

A Xunta destina case 55.000 euros a colaborar co Concello de Guntín na mellora...

Carmela López visita ao persoal dos diferentes servizos da Deputación en

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, visitou este martes ao persoal dos...