A Deputación de Lugo presenta esta semana en Fitur a oferta turística da provincia, co lema ‘Provincia de Lugo, Reserva Natural’, e que pon o foco na riqueza ambiental do territorio. A presidenta do ente provincial, Carmela López, será a encargada de facer a presentación oficial, cun proxecto que aposta por un modelo turístico sustentable, non masificado e vinculado ao territorio. O acto de presentación terá lugar o venres ás 12.30 horas, na caseta de Galicia, e será conducido polo presentador David Vilares.
Carmela López defenderá a provincia como “un destino singular” no contexto estatal e europeo pola súa “alta calidade ambiental, diversidade paisaxística e autenticidade”. Trátase, en definitiva, dunha oferta “baseada no turismo ‘slow’, no respecto polo territorio e na procura de experiencias auténticas, aliñada coas novas demandas do visitante e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable“. “Queremos atraer a un visitante que valore o que somos, que goce da nosa natureza con respecto e que contribúa ao desenvolvemento económico dos nosos concellos”, subliñou Carmela López.
Esta campaña turística nace dun modelo baseado na participación dos concellos e do tecido asociativo, na planificación rigorosa e na cooperación institucional para cumprir un dos grandes obxectivos da estratexia ‘Home e Biosfera’ da Unesco: conservar o patrimonio natural e cultural, á vez que se xera riqueza e emprego. Respecto diso, a presidenta da Deputación de Lugo lembrou que a provincia conta, de maneira parcial e total, con catro Reservas da Biosfera, dúas delas (Terras do Miño e Os Ancares, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá) directamente xestionadas pola institución provincial.
Máis do 80 % da provincia está protexido baixo esta figura, polo que Lugo é “un territorio privilexiado desde o punto de vista ambiental”. Precisamente, ese será un dos valores a destacar en Fitur e, por iso, na presentación da campaña turística, a Deputación contará con representantes desas dúas Reservas da Biosfera, “persoas profundamente coñecedoras do territorio e do traballo que nel se desenvolve”.
AUDIOVISUAIS
Ademais, durante o acto estrearase un novo audiovisual promocional que percorre estas dúas reservas para amosar o seu valor ecolóxico, paisaxístico e social. Trátase da antesala dun proxecto máis amplo de produción de contidos audiovisuais impulsado pola Deputación e que inclúe a elaboración de dous vídeos documentais con reportaxes protagonizadas por axentes do territorio. Ese material difundirase a través das canles de RTVE e plataformas dixitais.
A presenza en Fitur tamén incluirá unha ampla axenda institucional e profesional. Así, Carmela López acudirá a varios actos e presentacións de entidades da provincia, como o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a Mancomunidade de Concellos da Mariña, ou do Concello de Lugo. Igualmente, a presidenta da Deputación manterá encontros profesionais con representantes do sector, operadores, responsables institucionais e outros destinos, para fortalecer alianzas, intercambiar experiencias “e situar a provincia de Lugo como referente no ámbito do turismo de natureza e sustentable“.
