O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, solicitará ao Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo a inclusión do Pazo de Feiras e Congresos como sede proposta dentro da candidatura da cidade para acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública (AESAP). En paralelo, o Goberno local demandou formalmente o apoio do Consello da Xunta, tal e como recollen as bases oficiais para a designación da sede. Trátase dunha iniciativa coa que o Concello de Lugo busca “reafirmar o seu liderado” no proceso e co obxectivo de “construír unha candidatura solvente, rigorosa e aliñada cos criterios técnicos esixidos”.
“Estamos ante un proceso moi competitivo no que Lugo debe presentar a súa mellor versión, sumando esforzos, xerando consensos e construíndo unha candidatura sólida e compartida por todas as institucións”, sinalou Miguel Fernández. En concreto, o Concello explicou nunha nota de prensa que o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo reúne condicións “especialmente acomodadas” para albergar a sede da Axencia, tanto pola súa dimensión e versatilidade como pola dispoñibilidade inmediata dos espazos.
O recinto conta cunha superficie total de 27.000 metros cadrados, dous pavillóns diáfanos, áreas de traballo e reunión, centro de negocios, oficinas, salas polivalentes e servizos complementarios, ademais dun salón de actos con capacidade para máis de 500 persoas, espazos para formación e comunicación, accesos cómodos, amplo aparcadoiro e unha localización estratéxica á beira do río Miño.
Con todo, o alcalde subliñou tamén o impacto transformador que tería para Lugo a localización da Axencia Estatal de Saúde Pública, un organismo que poderá chegar a contar con ao redor de 300 postos de traballo cualificado, ademais de xerar “actividade económica inducida, atraer talento e consolidar a cidade como un referente en saúde pública, investigación e innovación en Galicia”.
