O Concello de Lugo aprobou na súa xunta de Goberno a licenza que permitirá á Consellería de Cultura realizar este ano e o seguinte traballos de mantemento e conservación na Muralla de Lugo. As actuacións inclúen a retirada da maleza, limpeza da pedra, mantemento da instalación eléctrica e iluminación, entre outros labores. A concelleira Olga López Racamonde destacou a importancia da Muralla como “símbolo” da cidade e agradeceu á Xunta que se faga cargo destes traballos, pedindo axilidade e dilixencia para que o monumento estea no seu mellor estado no 25 aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade.
Ademais, o goberno local concedeu licenza para a construción dunha nave de mecanizados na rúa Ramón Aller, no parque empresarial das Gándaras, con 3.900 metros cadrados, máis de 50 prazas de aparcadoiro, un orzamento de 581.000 euros e un prazo de execución de oito meses. En materia de persoal, aprobouse a resolución para o posto de xefe de servizo de Contratación de Patrimonio, iniciado en outubro de 2024.
No ámbito do Mercado Municipal, o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, anunciou a concesión de dous novos postos, co obxectivo de converter o espazo nun “referente da hostalaría e do consumo de produtos de proximidade”. Os postos 21-22 foron adxudicados á empresa Figueroa Ferreiros SL e o posto 23 a Manuel Vázquez López, que abonarán un canon mensual de 238,30 euros e 119,15 euros, respectivamente.
Arroxo destacou o esforzo da Tenencia de Alcaldía na dinamización do Mercado e da Praza de Abastos, resaltando que as instalacións están hoxe “cheas de vida”, con novas xeracións de profesionais que ofrecen produtos de calidade. Ademais, sinalou que se organizan diversas actividades ao longo do ano para promocionar estes espazos e a ampla oferta de postos dispoñibles.