O Pleno da Deputación de Lugo deu este martes por unanimidade o visto e prace ao Plan de Cooperación cos Concellos 2025, que supón a repartición de 22 millóns de euros de fondos da institución provincial entre os 67 municipios da provincia en tres áreas principais: investimentos, o Servizo de Axuda non Fogar (SAF) e o reforzo do emprego, aínda que tamén se dirixen outras cantidades menores a actividades culturais, deportivas, actuacións e eventos turísticos, feiras e mercados, administración electrónica e protección de datos e protección civil.
Ao investimento provincial súmanse o case tres millóns de euros que achegan os diferentes concellos para os proxectos aprobados este martes. En concreto, teñen prioridade os investimentos, ás que dedican máis de 16,5 millóns, o 70% do total dos fondos, para acometer 324 obras; seguido da creación de emprego, á que destinan algo máis de 3,6 millóns cos que crearán 282 postos de traballo; e o SAF, para o que reciben 3,3 millóns que destinarán a atender a unhas 2.000 persoas.
Na súa intervención, o goberno socialista defendeu a repartición con “criterios obxectivos e equitativos” e que esta ferramenta, “é unha fonte de recursos fundamental para impulsar o desenvolvemento e a cohesión territorial da provincia.
Os deputados do Grupo Provincial Popular votaron a favor do Plan asegurando que o fan “por responsabilidade e coherencia”, xa que “é mellor contar cun Plan Deputación a non contar con ningún”. Asegurou o portavoz popular, Antonio Ameijide, que baixan os recursos para 32 concellos e conxélaos para case todos, excepto catro, en referencia a Monforte, Lugo, Vilalba e Viveiro, “onde a achega da Deputación aumenta”.
Nesta liña, o portavoz popular lembrou a proposta realizada polo PP de aumentar os fondos do Plan Deputación en 10 millóns de euros, “destinando a este fin os fondos que PSOE e BNG destinan cada venres a convenios con concellos gobernados unicamente por socialistas e nacionalistas”.
DÉBEDA CERO
Xunto ao Plan Deputación aprobouse tamén unha modificación do Orzamento xeral, mediante Transferencia de Crédito e Suplemento de Crédito, precisamente para reforzalo, adaptando as partidas ás “necesidades manifestadas polos concellos”, ademais de sumar outros 10,4 millóns para completar o orzamento total.
Incorpóranse tamén 19 millóns de euros de remanentes, dos cales 6 millóns irán para amortización de débeda e deixala, deste xeito, a cero. Co resto, o obxectivo é “seguir reforzando a cooperación da Deputación cos concellos e o apoio ao tecido social e económico”, subliñou Carmela López, á vez que concretou que estes fondos irán destinados a estradas, cultura, mocidade, deporte, medio rural, turismo, atención á cidadanía e transferencias aos concellos.
Pola contra, o PP criticou que estes suplementos de crédito son “para seguir engordando o diñeiro que destinan aos convenios a dedo cos concellos amigos”. Afirma que dos máis de 19 millóns, 7.220.000 euros destinaranse a “convenios a dedo”, o 37,5% do total.
TEMAS SANITARIOS
Despois de economía, sanidade foi a outra área na que se centraron os debates, a través de dúas mocións. A primeira, impulsada polo PSOE e apoiada polo BNG, saíu adiante para reclamar á Xunta un plan de dotación e recuperación de servizos para o Hospital de Monforte.
Os socialistas acusan un estado de precariedade do centro hospitalario, que atende a unha poboación de máis de 42.000 persoas, e no que faltan “profesionais en especialidades como Hematología, Dixestivo, Psiquiatría, Rehabilitación, Pediatría, Radioloxía, Laboratorio e Dermatoloxía, unida á falta de investimentos e á ausencia de cobertura de baixas e vacacións”, sinalou Pilar García Porto.
Tamén se aprobou unha moción do BNG en apoio á mobilización nacional convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública o próximo 6 de abril en Compostela.
Así mesmo, non tivo respaldo a moción popular para reclamar ao Goberno de Pedro Sánchez que permita formar máis médicos e impulse outras medidas da súa competencia para paliar o déficit de médicos que afecta a todo o Estado.
RESIDENCIA DE BECERREÁ
Tampouco saíu adiante a moción popular na que se pedía igualdade de tarifas e de xestión para o centro residencial e de día comarcal de Becerreá.
Ameijide reprochou á Deputación de facer distincións entre “veciños de primeira e veciños de segunda” e acusou a Tomé de ameazar a aqueles que non están de acordo con esta medida “con sancións de entre 600 e 30.000 euros”. Lembrou que coa xestión que terá agora a residencia, os usuarios terán que pagar 810 euros máis, o que lle parece “inxusto” e consecuencia de “unha inquina contra a comarca dos Ancares”.
Tanto socialistas como nacionalistas afirmaron que se trata dunha residencia “diferente” e que aínda que se aprobou a súa construción, non se aprobou a súa xestión, xa que, debido ao seu volume, “debería estar involucrada a Xunta”.
O PP si rexeitou unha emenda do goberno provincial que pedía á Xunta a concertación de prazas neste centro, “pechando a porta a colaborar no financiamento das prazas da residencia da rede provincial”, explicaron os nacionalistas.
Ademais, na sesión plenaria tamén se deu aprobado unha moción de PSOE e BNG instando á Xunta de Galicia a aceptar a oferta de condonación da débeda feita polo Goberno de España, cos votos a favor de socialistas e nacionalistas e cos votos en contra dos populares. “Esta medida permitiría reducir a débeda pública galega en 570 millóns de euros, liberando recursos que poderían destinarse á mellora dos servizos públicos, incluída a sanidade”, apuntaron.