InicioLugo e contornaLugoComezan os traballos de rehabilitación do pazo de Dona Urraca e a...

Comezan os traballos de rehabilitación do pazo de Dona Urraca e a súa contorna cun concurso de ideas

O proxecto contempla, por unha banda, a recuperación e posta en valor deste Pazo do século XII e a rehabilitación de catro inmobles na contorna, dúas na Rúa Falcón e dúas na Rúa Miño

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Xunta abrirá este venres o prazo dun concurso de ideas para rehabilitar o Pazo de Dona Urraca e a súa contorna, en Lugo, un proxecto que ten un custo de 6,2 millóns de euros. Así o anunciou nesta xornada a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que visitou a zona acompañada polo novo alcalde da cidade, Miguel Fernández.

O proxecto contempla, por unha banda, a recuperación e posta en valor deste Pazo do século XII e a rehabilitación de catro inmobles na contorna, dúas na Rúa Falcón e dúas na Rúa Miño. Ademais, está prevista a construción de dous edificios máis ao redor, todos cunha altura de dous pisos sobre o baixo, deixando unha praza no medio, entre o pazo e a muralla.

Allegue explicou que esta actuación “impulsará o barrio da Tinería” e será “un punto de referencia para turistas, veciños e peregrinos”. Durante a presentación do proxecto, a conselleira tivo unhas palabras de recordo para Paula Alvarellos, da que valorou a súa “colaboración, estando sempre receptiva, disposta e atenta ás necesidades dos veciños”.

Tamén felicitou ao novo alcalde, Miguel Fernández, antes de explicar aos asistentes o contido do proxecto. Así mesmo, lembrou que este naceu dun primeiro protocolo de colaboración entre ambas as entidades, asinado en 2020, e que se materializou a finais de 2024 coa firma dun convenio.

O PROXECTO

Unha vez adxudicado o contrato do concurso de ideas, o cronograma previsto contempla en primeiro lugar a redacción do proxecto de rehabilitación dos dous inmobles, Miño 19 e 21. En paralelo, o gañador deberá redactar o Plan Especial, cun prazo de entrega de 45 días, que se tramitará vía procedemento simplificado, por tanto, cunha estimación de resolución de 5 meses.

Con respecto aos inmobles de Falcón 16 e 18, as actuacións estarán vinculadas á tramitación de expropiacións do concello de Lugo. Por último, o adxudicatario entregará a redacción do proxecto de rehabilitación do pazo, pendente da formulación do Plan Especial da contorna.

O concurso, para o que hai un prazo de presentación de dous meses, está dotado con tres premios de 12.000, 10.000 e 8.000 euros, respectivamente, e ao gañador encargaráselle a redacción do plan especial, a redacción dos proxectos e dirección de obras das novas edificacións que se construirán e da rehabilitación das previstas, por un importe de preto de 490.000 euros.

En total, serán 16 novas vivendas as que se farán na zona, que se corresponden a 10 rehabilitadas e outras 6 de nova construción co obxectivo de “devolver a vida a esta contorna”, como dixo a conselleira. Unha vez que a Xunta teña a dispoñibilidade de todos os terreos, cos proxectos xa redactados, licitarase a execución das obras.

Pola súa banda, o alcalde, Miguel Fernández, apostou por seguir o ronsel de Paula Alvarellos e mostrou todo “o compromiso e apoio por parte do Concello para estas iniciativas”, explicando que estamos todos “nesa mesma liña de recuperación de espazos”. Tamén se comprometeu a axilizar as expropiacións e tendeu á man a “unha colaboración institucional que nos permita traballar por e para a cidade”.

Estas actuacións enmárcanse no impulso da mellora da ordenación do ámbito da contorna do barrio lucense da Tinería, zona do conxunto histórico na que a Xunta de Galicia leva investido máis de 24 millóns de euros e rehabilitado 96 vivendas.

CRÍTICA DO BNG

Pola súa banda, o portavoz do BNG e tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, cualificou como “unha falta de respecto” que a conselleira de Vivenda acudise á cidade para presentar este concurso de ideas cando “a Xunta xa ten un proxecto para este edificio e para o resto do barrio, impulsado polo BNG cando tivo a responsabilidade da Consellería de Vivenda, que mesmo foi premiado pola ONU”.

Arroxo lembrou que a recuperación da UI-8 estaba adxudicada a comezos de 2009, e engadiu que “ao chegar o PP ao goberno galego, renunciaron á execución e tiveron que indemnizar á empresa adxudicataria das obras”. O proxecto de rehabilitación foi elaborado polas arquitectas viguesas Belinda Bicada e María Esther Faílde, despois de ser as escollidas polo concurso de ideas lanzado pola Consellería de Vivenda e concluído no ano 2007.

“Se o PP seguira investindo na recuperación da Tinería do mesmo xeito que fixo o BNG cando tivo responsabilidades no goberno galego, hoxe este barrio sería un modelo para Lugo e para todo o mundo”, dixo.

Rubén Arroxo explicou que Vivenda investiu entre os anos 2005 e 2010 máis de 31 millóns de euros na recuperación do barrio da Tinería, proxectando 70 vivendas protexidas para o aluguer para os mozos. Tamén lembrou que ese proxecto, que tiña un orzamento de 2,3 millóns de euros, prevíase crear un centro de estudos, documentación e investigación de servizos sociais.

ÚLTIMAS

Primeiros traballos para Miguel Fernández: obras no centro histórico e a aprobación dos orzamentos

O novo alcalde de Lugo, Miguel Fernández, fixo unha primeira valoración dos seus primeiros...

ALCER recibe os parabéns da Deputación por “mellorar a calidade de vida” das persoas con doenza renal

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, agradeceu á Asociación para a...

Detidos dous veciños de Lugo por supostas agresións ás súas respectivas nais

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron nas últimas horas a dous veciños da cidade, como supostos...

Miguel Fernández, novo alcalde de Lugo

Miguel Fernández converteuse este martes no novo alcalde de Lugo, o terceiro en dous anos,...