InicioSociedadeLugo despide a Paula Alvarellos cunha misa na Catedral con centos de...

Lugo despide a Paula Alvarellos cunha misa na Catedral con centos de asistentes

Este era o segundo funeral por Alvarellos, xa que o primeiro, o luns pasado, foi de carácter familiar, aínda que tamén tivo unha gran afluencia de personalidades. O Concello anunciou un acto civil en datas próximas.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Catedral de Lugo acolleu este luns, ás 12.00 horas, unha misa de homenaxe á que foi no último ano alcaldesa da cidade, Paula Alvarellos,un acto organizado polo Bispado, xa que o Concello anunciou que fará un acto civil en datas próximas. Este era o segundo funeral por Alvarellos, xa que o primeiro, o luns pasado, foi de carácter familiar, aínda que tamén tivo unha gran afluencia de personalidades.

Centos de persoas acudiron a este acto relixioso que dirixiu o bispo, Alfonso Carrasco Rouco, e ao que chegaron todas as autoridades políticas xuntas cinco minutos antes do inicio e presididas polo alcalde en funcións, Rubén Arroxo, e o futuro mandatario, Miguel Fernández. O templo, que acolleu o oficio no altar maior, quedou pequeno para acoller a todos os asistentes, mentres que o coro, onde estiveron as autoridades, tamén quedou completo.

O bispo tivo palabras de recordo para a alcaldesa no medio do oficio, que se prolongou máis de 45 minutos, da que encomiou o seu traballo, dedicación e carácter. A corporación municipal asistiu ao acto en pleno, aínda que os representantes do BNG esperaron no exterior. Non faltaron tampouco o delegado do Goberno, Pedro Blanco, xunto ao presidente da Deputación, José Tomé, e a subdelegada de Lugo, Isabel Rodríguez. De fóra da cidade tamén estiveron presentes o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jacóme, a da Coruña, Inés Rey, e o de Viana do Castelo, co que estableceu relación este tempo a través do Eixo Atlántico, entre outros.

Tamén acompañaron aos membros da corporación alcaldes e alcaldesas da provincia, como os de Pol, Friol, Castroverde, Cervantes, Taboada, Chantada, Foz, ou a recentemente elixida alcaldesa de Viveiro. Non faltaron tampouco senadores e deputados dos diferentes partidos, así como José Ramón Gómez Besteiro, ratificado como secretario xeral dos socialistas galegos a pasada fin de semana. Exalcaldes, como Joaquín García Díez, así como membros de anteriores corporacións, tamén estiveron presentes xunto a membros da Policía Nacional, Garda Civil e do Exército.

Os membros da corporación recibiron o pésame dos veciños á saída da homenaxe, onde Miguel Fernández, que será nomeado este martes alcalde da cidade, asegurou: “Sempre a lembraremos porque, a pesar do pouco tempo que estivo á fronte da Alcaldía, foi capaz de consolidar un proxecto e o seu liderado, e, sobre todo, soubo gañarse o agarimo de moitos veciños e veciñas”. Afirma que quedará no recordo de todos “esa gran alcaldesa, esa gran amiga e esa gran compañeira que foi para todos”.

ÚLTIMAS

Os senadores do PP por Lugo reclaman explicacións ao Goberno central polo rexeitamento de axudas ao proxecto de Altri

Os senadores do PP por Lugo piden explicacións ao Goberno central sobre "o trato...

Tomé dá por resolta a crise no PSOE de Lugo: “Foi unha situación insólita”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, deu por resolta a crise no PSOE...

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia xa é Ben de Interese Cultural

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que se celebra en Lugo este domingo,...

O alcalde de Lugo Miguel Fernández toma as rendas do PSOE local

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, foi elixido secretario xeral do PSOE local, en substitución da edil...