Durante estes días, aínda a tantos quilómetros de distancia, Galicia estivo pendente do que ocorría na xornada electoral do domingo en Venezuela. O Instituto Nacional de Estadística (INE) indicaba que había en 2022, 14.290 persoas venezolanas na comunidade. Moitos están en estreito contacto cos seus familiares e agardando un cambio. O Galicia Confidencial puido falar con Mari Elena Lobo Pérez, caraqueña que leva xa seis anos en Lugo onde hoxe ten establecida a súa residencia co seu marido e os dous fillos. Conta que o seu fillo maior foi o primeiro en abandonar Venezuela, que a finais de 2017 e con 17 anos chegou a Lugo como estudante: “Precisabamos sacalo de aló”. Para entendelo, explica que o principal problema da súa familia e que ela naceu e se criou nunha zona “moi fermosa de Caracas e moi popular”, pero queda moi próxima ao pazo do Goberno, ao Palacio de Miraflores, “na Pastora”.
Vivir nese lugar era sinónimo de “ser partidario de Chávez” e era unha obriga ir ás manifestacións e inscribirse no partido. Un requisito que permitía poder mercar nos supermercados da zona co denominado “carné da Patria”, senón tiñan que moverse a unha hora e cuarenta minutos, ao outro lado da cidade. Foi en 2017 cando a situación xa era moi difícil e decidiron que primeiro tiña que saír o seu fillo porque xa ía ter idade para participar nas protestas e demáis. “Xa nos miraban feo, xa viñan pola casa para saber cantos vivían, era un asedio e decidimos acomodar os papeis, coa selectividade feita, que primeiro fose o noso fillo quen marchase”, expón Mari Elena. Por aquel entón era habitual quedar ata un mes sen auga e as condicións de vida “eran moi malas”.
Desta maneira, o fillo chegou en 2017 para estudar Administración e Dirección de Empresas (ADE) no Campus de Lugo e non acababa de superar a ausencia dos seus: “O meu fillo comezou a deprimirse e non comer, dicíame, mamá, non podo ver tanta comida aquí pensando en que vós estades aló sufrindo”. Nese intre e, pese a non querer, Mari Elena,o seu marido e a súa filla de 15 anos por aquel entón, deixaron todo atrás. Dixeron ata pronto á casa onde se criou e onde quedaron o seu irmán maior, a sú irmá, a súa sogra e toda a familia, así como toda a súa vida. “Agora eu e o meu marido conseguimos a nacionalidade, traballamos, e desde o 2018 fixamos a nosa residencia en Lugo, mentres a miña filla estuda Historia e Linguas Modernas en Alcalá de Henares”, expón. Porén, non foi doado, chegaron en 2018, pero foi na pandemia cando se lles deron os permisos de traballo e tiveron que tirar dos aforros que traian.
AS LEMBRANZAS DAS PROTESTAS DE 2017
Para entender o sentir tras os resultados electorais actuais é necesario recordar o que ocorreu no 2017 cando, segundo conta, “a xente pasou días e días nas rúas protestando”. Ela mesma lembra que tivo que durmir na oficina do traballo a uns 40 minutos da casa para evitar que a visen ao estar vixilados polo Goberno. En Caracas existe unha división firme entre “as partes populares e o resto de habitantes”. Desta maneira, explica: “Nos barrios, denominados cerros, como as favelas de Brasil, é imposible entrar porque existe un control total do Goberno. Realizou milicias urbanas paramilitares, armou ilegalmente. En Venezuela non hai porte de armas, salvo que sexas militar funcionario oficial, que as dera o propio Goberno ou porque son armas roubadas. Esas milicicias urbanas que armou controlaban os cerros e saían roubar e había moitos secuestros”.
Conta que parte da súa familia que tiña por aquel entón negocios contaban cunha maleta na casa con 10.000 ou 20.000 dólares en efectivo por se había que pagar o secuestro antes dunha hora e “a xente vivía así”. Ante isto, moita xente viuse obrigada á emigración, deixando empresas e diñeiro atrás ao seren “vítimas de extorsión e secuestro”. A xente non saía a protestar porque “os podían matar”, de feito, Mari Elena e a súa irmá presenciaron aos seus pés como un mozo era asasinado dun tiro durante as protestas de 2017. “Os francotiradores do Goberno ían de civís, eran civís armados e agochábanse en calquera lado e buscaban disparar sempre a un mozo, 57 días e 57 mortos, todos os días había un morto”, manifesta. A situación levaba a cuestionarse que facían aí se todos os militares estaba na súa contra, senón recibían o apoio internacional que se dicía que ía chegar,…
“Cada vez que viviamos un proceso así, un deteriorábase, cansaba, perdía forzas e supoñía unha ola de emigración. A xente decepcionábase ao ver que a súa loita era só ver xente morrer, con todo o mando militar protexido. Esa xente vive moi ben co diñeiro e poder que ten e cos fillos vivindo fóra e con gardacostas, en Francia ou Australia”, describe Mari Elena, que xa na actualidade, falando cos seus lle expresan que están “moi asustados”, pero que tamén “a historia cambiou moito”.
O CAMBIO NA SITUACIÓN ACTUAL, A DIFERENZA CO 2017
Este pasado domingo o pobo venezolano acudiu ás hurnas e Mari Elena apunta a que son preto de oito millóns de persoas ás que están fóra e que se di que “tan só o 1% puido votar”. No caso do seu núcleo familiar ningún puido ir, xa que tiñan dous días para inscribirse no Consulado Xeral da República Bolivariana de Venezuela en Vigo: “Non puiden ir votar porque para ir e vir desde Lugo a Vigo, perdes un día de traballo e, eu non tiven quen se quedara por mín. O meu marido, ao saír de Venezuela, cando fomos a apostilar os títulos de estudos e todo, a funcionaría deuse conta e botoulle os títulos e sacouno do rexistro electoral, aparece falecido no mesmo. O meu fillo está cun contrato laboral temporal no que lle pagan por xornada traballada e implicaba perder ese día. Se nos tivesen avisado cunha semana antes, un programa e vai”. Recoñece que a maioría da xente que coñece en Lugo tampouco puido inscribirse con tan pouca marxe.
Si votaron os seus familiares en Venezuela, incluída “a avoa de 90 anos”, pero o momento do resultados foi especialmente duro. Mari Elena recibiunos polas redes sociais e xa era consciente de que sería así, de feito, chegou a pensar que se suspenderían as eleccións. Porén, unha vez se realizaron, non o ían recoñecer, e iso supuxo que os seus caesen nunha “depresión inmediata e desconexión do teñéfono”. Expresa que foi horrible o luns pola mañá cando chamaba e ninguén respondía, pero había esperanza. “Dixéronme que por primeira vez sentiron baixar a xente dos barrios, que nunca saíra antes a protestar, por iso é un proceso totalmente diferente”, apunta. A xente deses cerros, a clase baixa, e tamén a clase social que sempre apoiou a Chávez e despois a Maduro, saíu onte a protestar. “Son delincuentes, xente armada, que saíu en defensa de Maduro e tamén en contra dos que defenden ao Goberno e en apoio ao movemento actual de Edmundo González e María Corina”, destaca Mari Elena da xente destes barrios populares “que van en contra dos grupos colectivos armados do Goberno”.
Na última chamada que fixo cos seus dinlle que a martes está todo aparentemente tranquilo, pero que a xente se está reunindo “pacíficamente nas prazas”. Lamenta que na pasada noite do luns ao martes xa lle comentaron que houbo “unha parte importante de mortos”.
“VEXO MOI POSIBLE UNHA GUERRA CIVIL”
A situación actual dese cambio que pode indicar “esperanza” tamén supón que esas persoas que viven nos cerros e teñen armas se enfronten entre si. Isto pode traducirse nunha guerra civil que esta venezolana ve “moi posible”. Neste punto, como persoa que está fóra fai fincapé en que, hai cinco anos non, pero hoxe quixera estar aló para tratar de axudar. A mensaxe que manda aos seus e que teñan esperanza e forza porque “o gran cambio comezou o domingo coa votación” e coa xente que apoiou ao candidato Edmundo e a María Corina, con esa xente que baixou dos cerros para protestar a Caracas”. Tamén nos conta que durante a xornada electoral tivo compañeiras que foron testemuños de mesa onde sempre gañaba o Goberno e que desta vez “perdeu con claridade”.
Hoxe desde a cidade da Muralla suspira e sente que o máis duro é ver que moitos avós non ven medrar aos seus netos, que hai fillos separados dos seus pais e irmáns que ansían estar de novo xuntos. “É moi triste, máis e cabe para o que se queda aló na depresión e pensando nos que marchamos, que traballamos e loitamos par apoder mandarlles diñeiro ou medicinas. Eu deixo de tomar aquí un café pensando en poder mandar para aló. Necesítase un cambio, é moi difícil porque non deixarán o poder o diñeiro, pero xa se viu un cambio nas votacións, moi importante, un cambio de actitude. Só Deus sabe o que pasará”, conclúe.