O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu este luns na Casa do Concello de Navia de Suarna da man da directora xerente da Fundación Starlight, Antonia Varela, a certificación de ‘Destino Turístico Starlight’ para a Reserva da Biosfera dos Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Este distintivo servirá para protexer mediante diferentes actuacións o ceo nocturno e desenvolver as potencialidades do turismo das estrelas, e que tamén recolleron no acto deste luns os tres municipios que integran este territorio protexido pola Unesco e xestionado pola institución provincial.
Así mesmo, a xornada incluíu a celebración da primeira mesa de traballo en relación con esta certificación, na que participaron representantes dos concellos, así como de colectivos sociais e entidades que forman parte do órgano participativo da Reserva, co fin de abordar as actuacións necesarias, como adecuar fontes de luz ou impulsar servizos e recursos especializados.
“Estamos convencidos de que este distintivo nos axudará a consolidar o modelo de turismo polo que apostamos nas Reservas da Biosfera e en toda a provincia para xerar riqueza. Un turismo de calidade, sustentable, de experiencias, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio, algo fundamental para apoiar e para fixar poboación no rural, que é un obxectivo co que estamos plenamente comprometidos na Deputación”, asegurou Carlos López.
A Fundación Starlight, que pertence ao Instituto Astrofísico de Canarias, aconsella aos Ancares despregar “todo o seu potencial astroturístico” coa captación de novas empresas no territorio que ofrezan servizos de restauración, o desenvolvemento de produtos turísticos como observacións astronómicas ou novas propostas desde e para a zona. Tamén ser capaz de ampliar a oferta de aloxamentos singulares establecendo vínculo co territorio.
España conta na actualidade con máis de 60 Destinos Turísticos Starlight deste tipo, oito deles situados en Galicia. O dos Ancares é o segundo da provincia de Lugo, xa que o concello de Muras obtivo este distintivo en 2020. Outros dos lugares certificados para o turismo de estrelas en Galicia son Trevinca, o Parque Nacional Illas Atlánticas, a Costa da Morte, Lalín e as Mariñas Coruñesas.