InicioSociedadeUn deseño do arquitecto lucense Manuel López Guitar, falecido en decembro, ilustrará...

Un deseño do arquitecto lucense Manuel López Guitar, falecido en decembro, ilustrará o cartel do Arde Lucus 2024

"O Arde Lucus era a súa vida. El empezou hai moitísimos anos nas asociacións e á marxe do seu traballo o resto do tempo dedicábao a pensar en iniciativas para o Arde Lucus. Sempre estaba maquinando. Aínda que estaba enfermo, seguía debuxando", confesou, visiblemente emocionada, a súa viúva.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o concelleiro de Mocidade e Deportes, Jorge Bustos, presentaron este luns na casa consistorial da cidade o cartel oficial do Arde Lucus 2024, que se celebrará entre os días 13 e 16 de xuño e que contará este ano cun deseño realizado polo arquitecto e urbanista lucense Manuel López Guitar, ‘Guiti’, falecido o pasado mes de decembro. No acto de presentación do cartel oficial, celebrado na sala de novas tecnoloxías do Concello de Lugo e no que participaron tamén a viúva do autor, Ana Cortón, e un dos seus fillos, a rexedora lucense revelou que a selección do deseño foi realizada a proposta de “todas as asociacións” que participan na organización do evento.

“Guiti tiña preparado un deseño para participar este ano no concurso de carteis, pero o seu falecemento impediuno”, explicou Alvarellos, para acto seguido cualificar a elección da súa obra como unha “homenaxe á súa figura” e á contribución realizada “ao longo dos anos” para que o Arde Lucus alcanzase “as cotas de participación e de recoñecemento” que ostenta actualmente. O deseño de Manuel López Guitar, destacou a alcaldesa, “expón unha viaxe no tempo que permite mergullarnos na orixe da cidade” e convida ao visitante, agregou, a “formar parte da homenaxe á historia, a cultura e o patrimonio da urbe” que persegue a celebración.

“O ARDE LUCUS ERA A SÚA VIDA”

A viúva do autor do deseño que ilustrará o cartel da vixésimo terceira edición da festa de recreación romano-castrexa de Lugo, declarada festa de Interese Turístico Internacional, tomou a palabra para agradecer ao Concello a selección da obra e para explicar a importancia que tiña devandito evento para o seu marido, un auténtico “activista” do Arde Lucus.

“O Arde Lucus era a súa vida. El empezou hai moitísimos anos nas asociacións e á marxe do seu traballo o resto do tempo dedicábao a pensar en iniciativas para o Arde Lucus. Sempre estaba maquinando. Aínda que estaba enfermo, seguía debuxando. Fixo este cartel e aínda que non chegou a velo, por desgraza, púxolle moito interese e agarimo. El estaría agora mesmo moi orgulloso de ver o seu cartel”, confesou, visiblemente emocionada, Ana Cortón.

O concelleiro de Mocidade e Deportes, Jorge Bustos, que tamén destacou o “incansable labor” realizado por Manuel López Guitar ao servizo do Arde Lucus, recoñeceu que o Concello se atopa actualmente “traballando coas asociacións para ultimar a programación” da festa. Unha programación da que non transcenderon máis detalles pero que tratará de “recuperar” na presente edición, adiantou o concelleiro, a “animación nas rúas” e o carácter “máis dinámico” que tiña antes da pandemia.

ÚLTIMAS

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

O PP lucense esixen a Tomé unha repartición “igualitaria” dos convenios da Deputación

Alcaldes e concelleiros do Partido Popular dos 67 concellos lucenses concentráronse este venres ante...

Dous detidos por estafar máis de 30.000 a unha empresa de Lugo

A Garda Civil de Lugo identificou a dous veciños de Cataluña que supostamente estafaron...