A XVII Expogrelo da Terra Chá reúne a máis dunha decena de produtores en Abadín

Desde a Xunta animan aos produtores que se inscriban no selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Grelos de Galicia.

O delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, entrega un premio en Expogrelo.. XUNTA

Máis dunha decena de produtores de grelos da Terra Chá participan na 17ª Expogrelo do municipio lucense de Abadín. Esta feira combina a venda deste produto tradicional galego con postos de artesanía, música e outros produtos locais.

Alí, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luís Cabarcos, puxo en valor a calidade dos grelos desta comarca e a animou aos produtores e comercializadores, tanto en fresco como en conserva ou conxelado, a que se inscriban no selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Grelos de Galicia.

Segundo destacou a Xunta, esta indicación xeográfica xerou en 2021 un valor económico estimado de 722.500 euros e comercializou máis de 364 toneladas de produto certificado. Así mesmo, subliñou que o produto amparado pola IXP é a parte vexetativa destinada ao consumo humano procedente de plantas da especie ‘Bassica rapa. L. var. Rapa’, comunmente coñecida como nabo.