InicioSociedadeAsí foi o impacto do asteroide que caeu en Baralla en xaneiro...

Así foi o impacto do asteroide que caeu en Baralla en xaneiro de 2021

Procedía de entre Marte e Xúpiter e o estoupar xerou unha luz equivalente a 50 lúas cheas. Deixou un meteorito de máis de medio quilo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A enorme bola de fogo, que cruzou durante case cinco segundos e iluminou como se fose de día o ceo do noroeste da Península Ibérica ás 1:19 horas do 18 de xaneiro de 2021, responde a un asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 75 quilómetros de altura cunha velocidade de 15 Km/s e que produciu un meteorito de 527 gramos. Así o determina a investigación liderada desde a Área de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Matemática Aplicada na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo, e cuxos resultados figuran no artigo ‘O meteorito de Traspena: órbita heliocéntrica, traxectoria atmosférica, campo de dispersión, e petrografía dun novo condrito ordinario L5’, que será publicado en Monthly Notices of the Royal Astronomical Society, unha das revistas de astronomía máis prestixiosas do mundo.
Nesta publicación, cunha versión preliminar xa accesible en liña, detállanse os cálculos realizados polo astrónomo Manuel Andrade Baliño, utilizando por primeira vez neste campo novos métodos e modelos matemáticos, para determinar tanto a órbita heliocéntrica previa ao impacto, e as posibles asociacións dinámicas con outros obxectos próximos da Terra, como a traxectoria atmosférica deste asteroide e a súa caída como meteorito. Nestes cálculos utilizáronse as medidas astrométricas obtidas coas cámaras de detección de bólidos e meteoros que a USC ten no Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA), no Campus de Compostela, e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, en Lugo. Ademais, tamén foron cruciais as gravacións casuais de particulares en diferentes lugares de Galicia e Castela e León cuxa calibración, incluídas medicións in situ realizadas con teodolito, correu a cargo dos membros do OARMA, o profesor José Á. Docobo e o investigador Pedro P. Campo.
TRAXECTORIA DO ASTEROIDE
A traxectoria atmosférica deste asteroide foi moi próxima á vertical, cun ángulo de entrada con respecto á superficie da Terra de 77◦, penetrando moi profundamente até chegar, xa fragmentado e cunha velocidade de 2,4 km/s, a só uns 15,7 km de altura, punto no cal a ablación cesou e os diversos fragmentos deixaron de ser visibles. A investigación estima que o brillo deste superbólido chegou a ser, como mínimo, unhas 50 veces superior ao da lúa chea. Ademais, o estrondo sónico orixinado pola onda de choque que se formou debido á entrada do asteroide na atmosfera a velocidades hipersónicas alertou á veciñanza das comarcas de Sarria, Os Ancares, Terra de Lemos, Quiroga e do Bierzo.
No artigo tamén se recolle o estudo realizado pola sismóloga Mar Tapia (Laboratori d’Estudis Geofísics Eduard Fontserè, IEC) dos sinais sísmicos provocados pola onda de choque que foron detectados nas estacións do Instituto Geográfico Nacional na Pontenova (Lugo), Agolada (Pontevedra) e Calabor (Zamora).
FRAGMENTOS
Os cálculos preliminares realizados na EPS de Enxeñaría o mesmo día do evento xa indicaban que era moi probable que algún fragmento do asteroide tivese sobrevivido á intensa ablación e continuado, xa na fase denominada voo escuro, até impactar contra o chan moi preto de Lebruxo (Baralla). Axiña se organizou un equipo de busca de posibles meteoritos formado polo profesorado do Departamento de Matemática Aplicada do Campus de Lugo. Os membros do OARMA involucrados na investigación, ademais doutras persoas, tamén participaron en varias das xornadas de busca nesta zona de complicada orografía. Finalmente, sería un veciño de Lebruxo quen dous meses despois atoparía no lugar de Traspena (parroquia de Covas, Baralla) un meteorito de 527 gramos. A investigación conclúe, no entanto, que poderían ter caído máis fragmentos en dúas localizacións moi próximas ao río Neira que se detallan no artigo.
A análise do único meteorito recuperado amosa que é un tipo común de meteoritos, procedentes do cinto de asteroides situado entre Marte e Xúpiter, que conteñen tanto partículas de silicatos como partículas metálicas e cuxo estudo permite obter información moi valiosa sobre a orixe e evolución do noso sistema planetario. De feito, os meteoritos son obxectos moi prezados pola ciencia porque representan os elos máis primitivos a partir dos cales se formaron os planetas, a Terra incluída.
ASTEROIDES PRÓXIMOS DA TERRA
Os resultados obtidos nesta investigación tamén revelan, tal e como explica o profesor Manuel Andrade Baliño, que figura como primeiro asinante do artigo, que o corpo proxenitor deste meteorito era un asteroide pertencente ao grupo dos Apolo, o cal forma parte dos chamados asteroides próximos da Terra (NEA), que se movía arredor do Sol completando unha volta cada 1,19 anos e cruzando as órbitas de Venus e Marte.
A singularidade do meteorito de Traspena reside precisamente en que é un dos poucos casos no mundo para o cal foi posible determinar con precisión a órbita heliocéntrica, previa á colisión coa Terra, do seu corpo proxenitor, aumentando así o seu interese científico. Ademais, constitúe un fito, tanto na astronomía galega, xa que é a primeira caída ben documentada dun meteorito en Galicia, como na española, pois é a primeira vez que o cálculo da traxectoria atmosférica e o da órbita heliocéntrica se realizan integramente por investigadores españois, concretamente da USC.
Da excepcionalidade do evento tamén dá conta o feito de que a entrada na atmosfera sobre Galicia dun corpo deste tamaño só acontece de media cada 700 anos (cada 35 anos na totalidade da Península Ibérica). En calquera caso, nin sempre é posible realizar un estudo tan detallado como este nin, moito menos, recuperar algún meteorito.
Unha das curiosidades incluídas no artigo é a partitura da ‘música’ que provocou a entrada do asteroide na atmosfera terrestre, escrita por Manuel Andrade Baliño a partir da análise acústica do rexistro sonoro dunha cámara de seguridade no Bierzo.

ÚLTIMAS

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Identificado un veciño de Lugo por danar un bolardo e quitar outro porque dificultaba o xiro para entrar na súa propiedade

Axentes da Policía Local de Lugo levantaron acta por danos na vía pública e...

Arden varios colectores de madrugada na cidade de Lugo

Varios colectores arderon na madrugada deste mércores na Estrada da Granxa, na cidade de...