O secretario da Federación de Servizos de UGT de Lugo, Eliseo Rivas, lamentou o que deu en cualificar como a “posición autista” da Consellería de Sanidade ao non atender a demanda de máis persoal, sobre todo agora que se comeza coa vacinación da cuarta dose contra a covid nos vacunódromos.
Así, Rivas protestou pola “palabrería” da Xunta, que non se concreta finalmente en reforzar o persoal médico, nin de enfermaría, tras dous anos de pandemia. “Hai unha evidente falta de recursos humanos para dar a mellor atención a todos os cidadáns e non se fai ese esforzo por parte da consellería, aquí hai que tomar medidas urxentes”, reivindicou.
O sindicalista dixo que “queda moi bonito de cara á galería iniciar campañas de vacinación á conta da profesionalidade e sacrificio de todo o persoal facultativo, de enfermaría e do resto de persoal”, sen incrementar efectivos.
Ante unha “maior carga de traballo” pola nova campaña de vacinación, Eliseo Rivas lamentou “a posición autista por parte da consellería, que parece que o problema non vai con eles”. Outro aspecto que non pasa por alto o dirixente de UXT de Lugo son as queixas para que as inoculacións se fagan nos centros de saúde e non nos vacunódromos.