InicioLugo e contornaCastroverdeNove ucraínos agradecidos eternamente con Castroverde

Nove ucraínos agradecidos eternamente con Castroverde

A través dun grupo de Whatsapp coordinan máis viaxes de españois que deciden emprender a mesma acción

PUBLICADA O

- Advertisement -

Héctor Pérez e Paulo Ribeiro, os dous veciños de Castroverde que o pasado luns emprendían camiño cara á fronteira de Polonia con Ucraína para tratar de axudar a cidadáns ucraínos, xa están de volta en Galicia xunto a nove refuxiados, que partirán agora cara a Madrid para reunirse coa familia que teñen en España.

Nos seus coches particulares Héctor e Paulo decidiron o pasado luns viaxar a Medyka, unha localidade polaca na fronteira con Ucraína, para ofrecer a súa axuda a oito persoas, as prazas que tiñan dispoñibles nos seus vehículos. Ao chegar alí, segundo relatou Héctor de volta en Castroverde, cun letreiro nas súas mans que puña ‘España’, ninguén se achegaba a eles xa que “a maioría víao un destino afastado” porque pretendían “quedar nun país máis próximo para poder volver pronto”.

Ese día non houbo sorte, pero unha mensaxe dunha ucraína residente en Madrid pedíalles se podían traer á súa familia, que se quedou tirada co seu vehículo avariado a uns 100 quilómetros, aproximadamente, de onde se atopaban eles.

Alí recolleron seis persoas e regresaron a Medyka para completar as oito prazas dos seus coches. Outra vez, os ucraínos preferían viaxar a un país máis próximo ao seu, así que emprenderon rumbo a Varsovia, onde tiñan coñecemento de persoas que querían reunirse en España cos seus familiares.

Pero a viaxe, finalmente, non a realizaron con oito acompañantes, senón con nove. Héctor explicou que unha persoa se puxo en contacto con eles para pedirlles que trouxesen ao fillo dunha compañeira, de 16 anos, que tamén se atopaba en Varsovia. O lucense asegura que non o dubidou e subiu ao seu coche tamén a este mozo. Así, emprenderon a viaxe de volta a casa acompañados de nove refuxiados ucraínos, que agora partirán en tren cara a Madrid, onde se reunirán con familiares.

“UNHA MONTAÑA RUSA DE EMOCIÓNS”

Héctor Pérez relatou que na fronteira entre Polonia e Ucraína percibiu “tristeza”, pero tamén “tranquilidade”, algo que resumiu como “unha montaña rusa de emocións”. Unha viaxe que comentou foi “longa, pero emotiva e bonita” e recoñeceu que lle puxeron algunha multa.

Así, Héctor non se arrepinte do que fixo esta semana porque asegura que o faría “calquera” que tivese “un coche e catro días dispoñibles” e mantén que non fixo “nada do outro mundo”.

Pola súa banda, Paulo Ribeiro tampouco se arrepinte do “arrebato” que o luns os levou a el e ao seu compañeiro Héctor a facer máis de 6.000 quilómetros en apenas 5 días.

GRUPO DE WHATSAPP PARA COORDINARSE

Héctor Pérez tamén relatou que para coordinarse mellor e facilitar as cousas ás persoas que deciden realizar a mesma labor que fixeron estes dous lucenses, crearon un grupo de Whatsapp con residentes ucraínos en España que piden axuda para traer aos seus familiares.

Neste sentido, asegurou que se organizaron xa uns 30 vehículos que sairán esta fin de semana de diferentes puntos de España cara á fronteira de Polonia e Ucraína para traer refuxiados. En Galicia mencionou algúns lugares de partida como Ferrol ou Santiago.

ÚLTIMAS

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Feridas varias nenas ao ceder unha randeeira nun parque do Club Fluvial

Varias nenas resultaron feridas o pasado fin de semana na cidade de Lugo ao...

Identificado un veciño de Lugo por danar un bolardo e quitar outro porque dificultaba o xiro para entrar na súa propiedade

Axentes da Policía Local de Lugo levantaron acta por danos na vía pública e...