O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na presentación do proxecto de reforma da Valgada, un terreo de titularidade provincial cedido ao campus universitario de Lugo, e destacou que dito proxecto “potencia a interrelación” entre ese campus e a cidade.
No acto de presentación participaron tamén a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; e a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; entre outras autoridades.
A proposta para renovar ese espazo público resultou gañadora dun concurso de ideas impulsado pola Universidade de Santiago entre os seus alumnos, polo que Tomé puxo en valor que o plan educativo do campus lucense “combina a excelencia da formación superior cun estreito vínculo co territorio”.
O presidente da Deputación de Lugo tamén destacou a “aposta pola humanización e pola sustentabilidade”, que se reflicte na mellora da rede de camiños para facilitar os fluxos de comunicación e a convivencia.
O proxecto prevé a demolición dalgúns elementos, como parte do anfiteatro, en favor da “posta en valor da paisaxe”, e contempla accións para integrar a cidade co río e configurar a auga como elemento que suxire camiños de xogo. Así mesmo, refórzase a disposición dos hortos “como elementos de tradición e de futuro sustentable”.
DEPUTACIÓN E UNIVERSIDADE, “ALIADAS”
José Tomé subliñou no acto deste xoves que as institucións públicas deben ter capacidade para transformar a sociedade e a economía, “e unha das mellores aliadas para conseguilo é a Universidade pública, que é un motor de cambio”.
Precisamente, lembrou, a Deputación xogou un papel determinante na creación do campus de Lugo e mantén “un firme compromiso” coa institución académica. Así, ademais de achegar recursos económicos ou ceder espazos como A Valgada, colabora con outras iniciativas, como a Granxa Experimental de Leite.
Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, felicitou aos premiados no concurso de ideas e subliñou que a súa proposta “conxuga perfectamente e representa os valores de sustentabilidade e respecto polo medio ambiente” que tamén se defenden desde o goberno municipal.
PROXECTO REVALGADA
O proxecto Revalgada actúa sobre un espazo que fai de nexo de unión entre a beira do río Miño e o bordo urbano da propia cidade, contemplando as necesidades de conectividade coa trama de Lugo e os propios fluxos internos do campus. Os traballos prevén a retirada dos camiños de formigón e laxa para substituílos por novos itinerarios de ‘xabre’ estabilizado; e plantaranse árbores e plantas autóctonas da contorna.
O proxecto complétase coa delimitación de hortas docentes mediante un muro de mampostería; a integración social e paisaxística da peza de formigón situada no centro do espazo; a retirada de parte do anfiteatro; ou a creación dunha poza para asentamento de anfibios e aves.