As estradas galegas rexistraron no que vai de ano 44 vítimas mortais, oito menos que no mesmo período de 2019, segundo datos achegados pola Delegación do Goberno coincidindo coa presentación en Guntín (Lugo) do novo dron da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).
Acompañado pola subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez, o delegado do Goberno, José Miñones, apelou á seguridade que achega ás estradas galegas o novo dron da DXT, ao que definiu como a “gran novidade” da campaña de verán no tráfico galego.
En concreto, lembrou que xa estivo na provincia de Pontevedra, agora opera en Lugo, seguirá na Coruña e, en setembro, está previsto que traballe en Ourense. “Sempre en tramos de estradas de alto risco de accidentes e con maior concentración de usuarios vulnerables“, explicou sobre os puntos de actuación, con numerosos accidentes ou con alto tránsito de ciclistas, motoristas ou peóns.
A aeronave, de tecnoloxía e fabricación española pode operar a 120 metros de altura, alcanzar unha velocidade de 80 quilómetros por hora e ten unha autonomía de 40 minutos. O rango de operación é de 10 quilómetros desde o punto de saída, pero o habitual é operalo no campo de visión da persoa que o pilota.
ACHEGAR SEGURIDADE
O dron será un complemento ao traballo dos axentes da Garda Civil de Tráfico. “A súa principal misión é detectar infraccións de risco, como condutas temerarias, adiantamentos imprudentes, non respectar sinais como un STOP, non usar o cinto de seguridade ou usar o móbil”, engadiu Miñones.
A meta, engadiu, é “achegar seguridade” nas estradas galegas, nas que a estas alturas do ano xa houbo 44 vítimas mortais en 40 accidentes. Son oito vítimas menos que na mesma data de 2019, pero o delegado do Goberno lembrou que o obxectivo é non ter ningunha.
Miñones cualificou os datos de “preocupantes” polo que apelou á prudencia e a “tolerancia cero”, nun acto que contou tamén coa presenza da coordinadora da DXT en Galicia, Vitoria Gómez; o director do Centro de Xestión de Tráfico Noroeste, Ramiro Martínez e o capitán do Subsector de Tráfico de Lugo, José Miguel Martínez.