Varios semáforos da capital lucense terán pictogramas para persoas autistas

"Que a cidade estea ben sinalizada para estas persoas supón poder saír, facer unha vida independente, moverse e non ter trabas", subliñan dende a asociación Raiolas.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presenta os pictogramas que se instalarán nos semáforos da cidade amurallada dirixidos a persoas con autismo | LX

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da concelleira de Benestar e Inclusión, Olga López, presentaron este mércores os “pictogramas” que se instalarán nos semáforos da cidade amurallada dirixidos a persoas con autismo.

Méndez asegurou que esta iniciativa xorde para avanzar en “ter unha cidade inclusiva, onde todos se poidan ver integrados e tamén ofrecer facilidades a pesar das capacidades ou discapacidades que podamos ter”. “Buscamos unha cidade cómoda e amable para todos”, abundou.

Precisamente estreábase a instalación deses paneis, na confluencia das rúas Vilalba con Ramón Ferreiro e Anxo López Pérez, co fin de que as persoas con autismo “poidan entender os sinais dos semáforos”.

“Imos situar 300 pictogramas nos distintos puntos da cidade e, ademais, están pensados para aquelas zonas próximas a centros escolares ou a zonas de máxima afluencia como pode ser a Avenida da Coruña”, explicou.

MÁIS AUTONOMÍA PARA AS PERSOAS AUTISTAS

Son dúas as asociacións, Capaces e Raiolas, as que colaboran con esta actividade con 168 persoas que acoden ás mesmas por padecer autismo, ou o que é o mesmo “ao redor de 61 familias que traballan con estes colectivos”.

A portavoz de Raiolas, Carmen Lomas, destacou a “importancia” da instalación destes “pictogramas”, que esta previsto que conclúa en maio. Sostén que “a cidade estea ben sinalizada para estas persoas supón poder saír, facer unha vida independente, moverse e non ter trabas”. “Non é só un debuxo, porque serve para orientarse e ser independentes, que é do que se trata”, engadiu.