O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofreceu “capital e préstamos inmediatos”, ademais de asesoramento en materia de seguros, ás empresas afectadas polo incendio no polígono do Ceao, que “puido desaparecer” de non ser polo cambio de dirección do vento.
“Puido custar moitas vidas, destruír moitas empresas e levar moitísimas familias definitivamente a quedar sen traballos e a moitísimos empresarios a quedar sen empresa”, constatou Núñez Feijóo in situ, onde puido comprobar o impacto do lume.
Así, sinalou que “non foi pouco” o que ocasionaron as chamas pero, a diferenza do “que puido ser”, cualificou os resultados de “moi razoables e moi óptimos”. Por iso, agradeceu o seu traballo aos bombeiros de Lugo, aos efectivos que acudiron doutras localidades, á Axencia de Emerxencias de Galicia e a operarios que “nalgúns casos puxeron en risco as súas vidas”, posto que “non foi fácil” tratar de evitar que se propagasen as chamas.
“TEMEMOS O PEOR”
O presidente confesou que temeu “o peor” ao saber que o lume se achegaba a unha gasolineira e á nave de ‘El Progreso’ (e por tanto estaba “a uns metros de todos os rolos de papel e tinta”). No entanto, valorou que “no momento clave cambiou o vento e fixo que se salvasen estas naves”. “Se seguise como se iniciou, probablemente estabamos nun polígono abatido”, advertiu.
Deste xeito, celebrou que “segue sendo o pulmón de Lugo e vai seguir séndoo”, a pesar de que dúas empresas, sobre todo, son as “máis afectadas” o incendio. Aos seus responsables agradeceulles “a súa enteireza e disposición para seguir adiante”.
Foi neste punto no que ofreceu “desde este instante” a disposición da Xunta “tanto para asesorar en materia de seguros como para garantir circulante e préstamos inmediatos mentres non se executen as pólizas de seguros para poder reiniciar a actividade. E, se así o consideran, mesmo para poder modernizar as súas instalacións”, resaltou Feijóo.
Para iso pediu ao vicepresidente segundo, Francisco Conde, “que estea en contacto coas empresas”.
Neste contexto, avogou por “loitar” e conseguir “unhas indemnizacións de acordo cos danos”. Á policía científica correspóndelle “saber cal é a causa do lume”, segundo engadiu.
“VENTO FORTE” E “MILES DE METROS CÚBICOS DE AUGA”
Como non houbo “ningunha desgraza persoal”, por último, avogou por “resolver este asunto coa xustiza das compañías aseguradoras e a determinación dos persoais e os propietarios e a colaboración da Xunta no que poida ser útil”.
Foi unha “desgraza contida” e “limitada” xa que “puido desaparecer o polígono do Ceao”. “O vento era forte” e a pesar dos “miles de metros cúbicos de auga” utilizados “aínda non está apagado”, segundo relatou o titular do Executivo autonómico, quen chamou a atención sobre que ardeu material de pintura e pneumáticos, entre outros elementos.
Para min que vaian 8 persoas sen medidas de seguridade (caso, etc) a facerse a foto a pé de incendio é molestar.
Os polígonos sempre son un risco porque as naves están apelmazadas.