InicioSociedadeLugo perdeu a metade do seu peso demográfico e económico en só...

Lugo perdeu a metade do seu peso demográfico e económico en só 70 anos

A provincia, canda Ourense, forma parte do núcleo duro do despoboamento a nivel estatal pola baixa densidade de habitantes, o envellecemento e a "moi forte destrución de emprego"

PUBLICADA O

- Advertisement -

Un total de 23 provincias, entre elas as galegas Lugo e Ourense, perderon preto da metade do seu peso demográfico, económico e laboral en España nos últimos 70 anos. É unha das conclusións do informe ‘O despoboamento da España interior’, editado por Funcas.

Estes territorios cumpren os dous criterios adoptados para ser incluídas na que se denominou a ‘España despoboada’: perder poboación entre 1950 e 2019 e ter unha densidade por baixo da media nacional.  En ambos os casos, considerouse exclusivamente a aqueles municipios que non son capitais de provincias nin superan os 50.000 habitantes.

A pesar de que a poboación española se multiplicou por 2,5 desde o ano 1900, ao pasar de 18,6 millóns de habitantes a superar os 47 millóns, a distribución territorial deste crecemento non foi homoxénea.  Funcas indica que a mecanización da agricultura, a industrialización e a urbanización provocaron, a partir dos anos 50, intensos movementos migratorios desde as zonas rurais ás grandes cidades.

A perda de poboación concentrouse entre os mozos e en xeral entre as persoas en idade de traballar, o que carrexou un envellecemento da pirámide demográfica e, a longo prazo, un crecemento vexetativo negativo.

A ESPAÑA DESPOBOADA

Se se exclúen as capitais de provincia e as cidades de máis de 50.000 habitantes, as 23 provincias que formarían a ‘España despoboada’ serían as nove de Castela e León, as tres de Aragón, catro de Castela-A Mancha (Albacete, Ciudad Real, Cuenca e Guadalajara), as dúas de Estremadura, dúas galegas (Lugo e Ourense), outras tantas andaluzas (Córdoba e Jaén) e A Rioxa.

En conxunto, as 23 provincias albergaban en 1950 o 34,1 por cento da poboación española (incluíndo aquí capitais e cidades de máis de 50.000 habitantes) e xeraban o 26,7 por cento do Valor Engadido Bruto (VAB) e o 33,5 do emprego total, mentres que na actualidade acollen o 18,1 por cento da poboación, producen o 16,1 por cento do VAB e achegan o 17 por cento do emprego.

A maior parte da súa perda poboacional e económica tivo lugar nos anos 50, 60 e 70 do século pasado e, de forma menor, nos 80. Desde 1991 detéctase unha estabilización da poboación cun leve aumento na primeira década deste século.

ENVELLECEMENTO

A taxa de crecemento medio anual acumulativo do PIB desde 1950 foi case un punto porcentual inferior á media nacional en Soria, Ávila, Cuenca, Zamora, Palencia, Segovia e Ourense, e máis de medio punto inferior en Salamanca, León, Lugo, Badaxoz, Huesca, Teruel e Cidade Real.

A “fenda” que xera este diferencial de crecemento anual ao longo de case 70 anos “é enorme”, reflicte o informe, que apunta que as provincias que padeceron o despoboamento con maior intensidade son tamén as que teñen maiores taxas de envellecemento: preto de dez puntos porcentuais por encima da media nacional (que é do 16%) en termos de poboación maior de 65 anos. Tamén teñen menos poboación nova: entre sete e nove puntos por baixo do 21%, que é a media do país.

TRES GRUPOS

O estudo de Funcas establece ata tres grupos de provincias que caracterizan as diferenzas demográficas e económicas dentro dela: unha España despoboada que decrece, unha que se estanca e outra que remonta.

O primeiro deles é o núcleo duro do despoboamento, conformado por Ávila, Cuenca , León, Zamora, Salamanca, Lugo, Ourense, Segovia, Palencia, Soria e Teruel.  Este grupo conta cos peores rexistros demográficos, xa que perdeu máis poboación que os demais, ten menos densidade de habitantes por quilómetro cadrado, unha poboación máis envellecida e un efecto engadido como é unha “moi forte destrución de emprego”. Estas provincias seguiron perdendo poboación no século XXI con dúas excepcións, Salamanca e Segovia.

O segundo grupo, a “España despoboada que se estanca”, intégrano as provincias máis poboadas, que, aínda que sufriron importantes procesos migratorios, non perderon tantos empregos e manteñen unha boa base de poboación nova: Albacete, Ciudad Real, Badaxoz, Cáceres, Córdoba e Xaén.

A súa principal desvantaxe en comparación cos outros dous grupos son as variables económicas: escaso peso do sector industrial, baixos niveis de PIB por habitante e moi elevadas taxas de paro. “Probablemente, o problema non sexa tanto demográfico como de reactivación económica e de utilización máis produtiva dos seus recursos”, apuntou Funcas.

O terceiro grupo, formado por Guadalaxara, Burgos, Huesca, A Rioxa, Valladolid e Zaragoza, é a “España despoblada que remonta”. Este sitúase nunha posición intermedia en canto a indicadores demográficos, con escasa densidade de poboación e problemas de envellecemento, pero presenta os mellores rexistros económicos.

Entre eles, un PIB per cápita por encima da media, baixa taxa de paro, elevado peso do sector industrial e, a pesar de perder poboación, a presenza de importantes núcleos da capital permitiulles unha creación de emprego positiva.

Neste contexto, as políticas destinadas a aumentar a cohesión territorial deberían ter en conta a diferente natureza dos problemas de cada un dos grupos, tendo en conta das súas distintas condicións demográficas e económicas.

OUTRAS ZONAS

Outras provincias sitúanse no límite de cumprimento dalgún dos dous criterios que se tiveron en conta. Así, Asturias tamén perdeu poboación desde 1950, pero a súa densidade actual -excluíndo o seu capital e as cidades de máis de 50.000 habitantes- supera á media nacional.

En paralelo, provincias con menor densidade de poboación que a media tiveron un crecemento demográfico desde 1950 son Álava, Almería, Navarra, Huelva, Lleida e Toledo.

ÚLTIMAS

Os Andares, un proxecto de inmersión sonora para redescubrir os Ancares

Os Andares, un proxecto artístico-inmersivo sobre a memoria emocional dos territorios, presenta seis viaxes...

Suspendido o xuízo contra un home acusado de ameazar a dúas persoas cunha escopeta

O xuízo oral contra un home acusado dun delito de tenencia ilícita de armas...

Non sae adiante a iniciativa parlamentaria do BNG para frear a instalación de Altri en Palas

A comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia rexeitou este martes unha proposición...

Un veciño de Melide sería o autor de varios incendios nunha mesma zona da Serra do Careón

A Garda Civil investiga a un veciño de Melide, de 33 anos de idade, como suposto...