InicioSociedadeA Xunta prolonga as restricións máximas, pero o comercio recupera o seu...

A Xunta prolonga as restricións máximas, pero o comercio recupera o seu horario normal

O confinamento perimetral, o peche da hostalaría a e a prohibición das reunións de non conviventes manteranse polo menos ata o 22 de febreiro.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia decidiu manter a Galicia en restricións máximas en xeral, o que implica que continúan os peches perimetrais por municipios, a prohibición de abrir para a hostalaría ou as reunións de non conviventes. Non obstante, a Xunta de Galicia alivia as medidas en certos ámbitos, como o comercio non esencial, que recuperará o seu horario a partir do mércores.

Así o anunciou en rolda de prensa o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión co comité clínico na que deron conta de que “non hai unha melloría suficiente” como para levantar as restricións con carácter xeral.  “Eu quixera abrir moito máis, pero non se pode”, subliñou Feijóo.

Así, explicou que o vindeiro luns 22 de febreiro volverá avaliarse a situación epidemiolóxica para decidir se se avanza na desescalada. Ata entón, a mobilidade entre municipios seguirá restrinxida, igual ca as reunións de non conviventes ou a actividade da hostalaría. Actívanse, iso si, aperturas graduais en seis ámbitos.

FORMACIÓN

As clases presenciais en ensino especial (por exemplo, conservatorios) retómanse o luns 22 de febreiro, agás para canto e instrumentos de vento. A universidade seguirá sendo online ata o 1 de marzo e aproveitarase a vindeira semana para realizar un cribado entre o estudantado.

COMERCIO

O comercio non esencial, que de momento só podía abrir ata as 18:00 horas, recuperará o seu horario normal a partir deste mércores. Os centros comerciais seguirán pechados as fins de semana.

DEPORTE

Permítese a reapertura de instalacións deportivas ao aire libre para a práctica individual e retómase a competición federada de ámbito autonómico.

SECTOR DO TRANSPORTE

A partir do mércores, os restaurantes das estacións de servizo poderán abrir para que os transportistas coman no seu interior de forma individual.

CULTURA

Vólvese permitir a actividade cultural en bibliotecas, museos, salas de exposición, cines, teatros… coa capacidade ao 30%.

RESIDENCIAS

Naqueles centros de maiores que cumpran dez ou máis días desde que se aplicou a segunda dose da vacina, as visitas pasarán a estar permitidas tres veces por semana con dous familiares de referencia para cada usuario. Do mesmo xeito, os usuarios dos centros de discapacidade que xa recibiran a segunda dose hai dez ou máis días poderán saír cos seus familiares.

AVANCES NA DESESCALADA

Para o resto de ámbitos, Feijóo asegurou que o comité clínico non ve posible aínda a súa reapertura. “Hai que afianzar o conseguido para dar ese paso”, subliñou, en referencia a aliviar as medidas na reunión de persoas non conviventes e no sector da hostalaría. Neste último avanzou un protocolo para a súa reapertura, que incluirá un plan de inspección e un sistema de rexistro de entrada. O vindeiro luns 22 de febreiro, nunha nova reunión do comité clínico, volverán avaliar a situación.

ÚLTIMAS

Detido en Vilalba por golpear cunha botella de cristal na cabeza a outro home

A Garda Civil detivo na localidade lucense de Vilalba a un veciño de Lugo, de 47...

Iniciativas do PSdeG para reclamar un Plan de Rescate das pallozas do Piornedo

O Partido Socialista de Galicia presentará unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia...

Trasladan en helicóptero a un operario despois dunha caída nun parque eólico en Muras

Un operario resultou ferido este martes ao sufrir unha caída cando traballaba nun parque...

Xulgan a un administrador concursal que se apropiou indebidamente de 112.800 euros da sociedade

A Audiencia Provincial de Lugo fixou para o vindeiro martes, día 4, o xuízo...