InicioSociedade"Nos Ancares formamos parte dun todo. Son máis as cousas que nos...

“Nos Ancares formamos parte dun todo. Son máis as cousas que nos unen ca as que nos separan”

Unha asociación veciñal de Navia de Suarna fai público un texto, escrito en galego naviego, para posicionarse en contra da solicitude de cambio de nome do concello de Candín.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Despois de coñecermos que o concello ancarés de Candín (León) pretende cambiar o seu nome polo de Ancares, a Asociación Veciñal Irmandade Naviega de Navia de Suarna (Lugo) quere manifestar publicamente o seguinte:

1. Consideramos a Candín un concello vecín e amigo, pois, máis alá de pertencer a comunidades autónomas e provincias diferentes, por razóns xeográficas e históricas, compartimos paisaxe, tradición, costumes, relaciois sociais e comerciais e, mesmo, en boa medida, lingua. Ata non hai tantos anos, as relaciois e intercambios comerciais e sociais eran mui intensos e en Navia lembramos con mui bon recordo o protagonismo que os ancareses tiñan nas nosas feiras. Máis actuais son a presenza de nenas e nenos de Candín no noso colexio, sempre ben recibidos. En definitiva, a convivencia entre veciñas e veciños das aldeas ancaresas dun lado e doutro do porto sempre foi óptima.

2. En Navia sentimos que formamos parte dun todo, e, nese todo, estamos xeográfica, social, cultural e comercialmente unidos Candín, Cervantes, Navia de Suarna… E ese todo chámase Ancares.

3. É certo que, de vello, pre nosoutos, os ancareses e ancaresas eran as persoas que viñan do outro lado do porto: Candín, Pereda, Teixeu… Pero entendemos que non só do concello de Candín; porque, nun sentido amplo, veciñas e veciños dunhas 50 aldeas dos concellos de Candín, Fabeiro, Veiga de Espiñareda, Valboa, Peranzais e ata Vilafranca do Bierzo, poderían considerarse ancareses.

4. Unha constante no devir histórico dos pobos e das civilizaciois é a evolución. Muitas realidades foron e deixaron de ser, total ou parcialmente. Ó longo da historia da humanidade evolucionamos as persoas e demais seres vivos, as linguas, as fronteiras, a toponimia, a cultura… Isto, como ben sabemos todas e todos, é incuestionable.

“OPORTUNISTA”

5. Pois ben, dende hai preto de medio século, a idea de “Ancares” deu en evolucionar, en medrar. Dende Galicia, iniciativas veciñais e institucionais deron en facer súa tamén -non en exclusividade, por suposto- a marca Ancares e, así, naceron o Club Ancares, a Comarca dos Ancares, os Plans Leader dos Ancares, o Xeodestino Ancares-Courel, a Zona de Especial Conservación ZEC Ancares-Courel (Rede Natura 2000), a Zona de Especial Protección das Aves Ancares (Rede Natura 2000), a Reserva Nacional de Caza de Ancares, a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá… Estas iniciativas e organismos tiveron muita fortuna e acadaron un gran éxito. En consecuencia, na actualidade, en toda Galicia, España, Europa… falar de Ancares non significa falar de Candín; en todos estes lugares, Ancares é muito máis e, nunca, Cervantes e Navia de Suarna quedarían fóra á hora de identificar Ancares.

6. Xa que logo, dende o lóxico respecto cara á mesma, parécenos oportunista a estas alturas a solicitude de Candín. Na nosa opinión, querer volver atrás no tempo e borrar medio século de historia e de realidade é inviable. Poderiamos aceptar muito mellor esta solicitude se o nome escollido fose Candín de Ancares; pero que un concello queira identificar a parte co todo, non, non nos pode parecer ben.

“O IDEAL SERÍA QUE SUMÁSEMOS FORZAS”

7. Nestes momentos en que o rural está ameazado de desaparición, e dun xeito mui especial as aldeas ancaresas, pensamos que calquera iniciativa que divida, que reduza, non conduce a nada positivo. O ideal sería que sumaramos forzas pre conseguir que a veciñanza do val e da serra de Ancares mellorasen as súas condiciois de vida e pre luitar xuntos por un futuro que se presenta mui incerto. É sabido: a unión fai a forza. Cuantos máis sexamos e máis unidos esteamos, máis posibilidades teremos de ser escuitados e de acadar obxectivos comúns. Colaborar na definición, consolidación e mantemento da paisaxe e da cultura que nos identifican (iso é Ancares) debería ser a gran tarefa pendente e o camín polo que deberiamos encarar o futuro.

8. Por todo o expresado, para nosoutros esta é unha reivindicación mui pouco afortunada. Mais respectámola, evidentemente; o que non pode impedir que expoñamos os nosos argumentos, contrarios á solicitude de Candín. Sempre houbo conflitos de intereses entre aldeas, concellos, comunidades… e pobos veciños. Esta é unha realidade que non podemos obviar. O que si podemos e debemos facer é aceptar a decisión final das autoridades competentes e continuar coa amigable relación a todos os niveis que sempre houbo entre os dous concellos. Porque, dende logo, consideramos que son muitas máis cousas as que nos unen ca as que nos separan. E así debería seguir sendo.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...