InicioSociedadeA "forza" da Galbana inspira a apertura do novo hotel cultural de...

A “forza” da Galbana inspira a apertura do novo hotel cultural de Friol en plena pandemia

A Casa da Galbana ofrecerá hospedaxe para peregrinos e viaxeiros, así como actividades de ocio que tamén están pensadas para o desfrute da veciñanza.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Elvira Galbán foi unha muller costureira no Friol de principios do século pasado. Na súa casa de costuras ensinaba o oficio e vendía material. O fío co que ela tecía coseu o paso do tempo e agora os seus bisnetos tiraron del para remendar a casa que ela habitara e convertela nun “hotel con encanto”. A Casa da Galbana vén de abrir as súas portas esta mesma semana na praza Andón Cebreiro, no centro mesmo da localidade friolesa.

O negocio hostaleiro xurdiu da man de María Remedios Otero e dos seus fillos Marta e Carlos Arias, estes dous naturais do concello. Eles foron quen deron forma á idea de transformar a vella casa familiar nun hotel cultural. O edificio conta con sete habitacións de estilos diferenciados, un patio central aberto e un salón no lugar onde antano estiveran as cortes.

Amais de hospedaxe, na Casa da Galbana tamén pretenden ofrecer actividades de ocio. Servirá, din, para dinamizar o municipio a través de mercados, presentacións de libros, pequenos concertos ou visitas ás exposicións de arte que sempre estarán presentes no interior do local. “Pensamos sobre todo en que os propios veciños e veciñas da zona poidan vir e participar“, explica Marta Arias.

PEREGRINOS E VISITANTES ATRAÍDOS POLO RURAL

Hotel Casa da Galbana, en Friol | Casa da Galbana

Así e todo, non perden de vista que o seu é un establecemento destinado a un tipo de público distinto. Por un lado, a idea é aproveitar a situación xeográfica de Friol, practicamente no medio e medio de Galicia, a medio camiño entre Lugo e A Coruña, para dirixirse a turistas que queiran coñecer a zona desprazándose pola súa conta. “Poderán vir uns días para visitar o rural do concello, que é precioso, ou outras zonas próximas”, suxiren.

Pola outra banda, a Casa da Galbana tamén será un lugar de parada para peregrinos que percorran calquera dos dous Camiños de Santiago que pasan polo municipio: o do Norte e o Primitivo.

A FORZA PRECISA PARA ABRIR EN PLENA PANDEMIA

Lanzarse cun proxecto coma este no medio dun contexto de pandemia non é doado. Admiten “certo temor” e “incerteza”, pero “non máis ca calquera outro negocio”. Contan coa “ilusión” dos inicios e coa “forza” e o “carácter” que lles desprende a figura da Galbana. A “satisfacción” de traela á actualidade é enorme, confesa Marta por teléfono, se cadra xusto detrás do mostrador de recepción que algún día gardou as teas de Elvira Galbán.

“Eu non coñecín a miña bisavoa por poucos anos, pero sempre me falaron dela como unha muller forte. Dáballe mil voltas aos homes da época. Eu admíroa sen coñecela”, comparte a bisneta da costureira, contenta de poder “homenaxear as orixes da familia” cun proxecto que tamén lle dará vida á localidade.

ÚLTIMAS

Cae parte do teito do Xulgado do Social número 4 de Lugo, o que obriga á recolocación de traballadores e a xuíza

A xuíza decana dos Xulgados de Lugo, Olalla Díaz Sánchez, ordenou o peche provisional do...

José Tomé: “A elección de Miguel Fernández foi consensuada. Quedou asinada. Foi un proceso totalmente lucense”

Xa vexo que tes moitos papeis enriba da mesa. E iso?  (Ri) Depende de por...

Catro anos de internamento para un mozo por agredir sexualmente a un neno de 8 anos en Lugo

Un mozo foi condenado polo Xulgado de Menores de Lugo a catro anos de internamento en...

O proxecto Renace de Lugo: buscando as claves da boa xenética dos centenarios galegos

O proxecto Renace (Rexistro Nacional de Centenarios de España), que se impulsa desde Lugo, estuda...